Xunta e goberno español débenlle a MARCO 287.000 euros

O Padroado da Fundación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que este ano celebra o seu 10º aniversario, instou ambas as dúas institucións a facer efectivo o importe das achegas atrasadas, así como as correspondentes ao ano 2012. O museo vigués pechou o exercicio 2011 cun déficit de 63.588 euros.
Edificio do Museo de Arte Contemporánea de Vigo

O Padroado da Fundación MARCO, despois da reunión celebrada onte, informou das dificultades económicas que ten xusto cando se cumpren dez anos da súa creación. As contas auditadas do exercicio de 2011 rexistraron 63.588 euros de déficit como resultado de non se facer efectivas as achegas previstas e aprobadas por parte da Xunta (160.000 euros) e do Ministerio de Cultura (127.000 euros). A este respecto, o Padroado da Fundación MARCO instou ambas as dúas institucións a facer efectivo o importe das achegas atrasadas, así como as correspondentes ao ano 2012.
En canto ao seguimento do orzamento 2012 o Padroado aprobou para este ano un importe de 1.052.950 euros, que supón unha mingua do 31% nos ingresos respecto ao ano anterior.

O orzamento de MARCO para 2012 é un 31% inferior ao do ano pasado


A Deputación abandona o Padroado
As baixas da Deputación de Pontevedra e de Novacaixagalicia tamén foron un dos temas a tratar nesta reunión. O Padroado asegurou que en breve dirixirase ao organismo provincial para que reconsidere a súa decisión e volva a formar parte da Fundación MARCO.
Outros puntos incluídos na orde do día do Padroado foron a renovación por unanimidade do seu director, por un período de cinco anos, a revisión dos criterios e redución de tarifas de aluguer do salón de actos e outros espazos do MARCO, a resolución do concurso do Servizo de Atención ao Público, e a nova adxudicación da tenda-librería, que recentemente iniciou as súas actividades baixo o nome de Rescrómica.

Mostra colectiva sobre o 'Prestige'
Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, informou na reunión do Padroado sobre a programación de exposicións para os vindeiros meses, nos que o Museo celebrará o seu 10º Aniversario, e as previsións de programación para 2013. A principios do mes de outubro inaugurarase nas salas da planta baixa unha mostra colectiva de produción propia, ‘A Balea Negra’, que pon en relación o afundimento do Prestige, o 13 de novembro de 2002, coa inauguración do Museo nesa mesma data. A programación dos últimos meses completarase cun proxecto conmemorativo dos ‘Dez anos do Marco’, a partir de novembro nas salas do primeiro andar.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios