San Paio de Abeleda sorrí grazas a Daniel (e á veciñanza)

Unha aldea de Castro Caldelas transfórmase nunha orixinal sala de exposicións nunha iniciativa do Sorriso de Daniel e varias asociacións do lugar, para denunciaren o abandono do mosteiro de Abelenda e do patrimonio románico galego en xeral

O estado de San Paio de Abeleda, no concello de Castro Caldelas, é un dos casos máis graves de abandono do patrimonio románico na Galiza. Un mosteiro que xa aparecía citado en documentos de principios do século XII, está en ruías. Unha situación perante a que calquera pode dicir que é ben triste o estado do patrimonio, que non hai dereito e que alguén tería que facer algo. Ou perante a que se pode intentar facer algo. E esta última opción foi a que adoptou O Sorriso de Daniel, unha asociación que traballa arreo pola divulgación e conservación do patrimonio románico galego.

O Sorriso do Daniel matinou e matinou arredor do que podía facer para dar a coñecer a situación deste mosteiro, en plena Ribeira Sacra. Cartos e medios non teñen moitos, mais si ilusión por facer cousas. Ocorréuselles converter a aldea nunha grande e orixinal sala de exposicións. Para iso contaron coa colaboración da veciñanza a través de dúas asociacións, a de San Paio de Abelenda e a de Cocas e Danzantes de Santa Tegra de Abelenda.

As e os veciñ@s foron fotografad@s ao pé da pía bautismal por Soledad Felloza, fotógrafa uruguaia que vive na Galiza. Unhas imaxes con que a veciñanza demanda que se coiden as ruínas do mosteiro (que permanece en estado de absoluto abandono) e que a riqueza do seu interior non se perda, alén de que poida ser visitado polo público.

Arriba San Paio de Abelenda

Froito desta implicación e colaboración inaugúrase este domingo, 2 de setembro, a exposición Arriba San Paio de Abelenda ! en que as fotografías pendúranse dos muros das casas, dos balcóns, en valados, nas barandas das escaleiras... Unha aldea feita sala de exposicións ao aire libre.

Escritores que poñen texto á reivindicación

 E a este proxecto sumáronse as colaboracións escritas de varios autores que quixeron poñer os seus textos ao servizo desta reivindicación. A xornalista Ana Romaní, o historiador Afonso Vázquez-Monxardín, @s escritor@s Mariña Pérez Rei, Olga Novo, Bieito Iglesias, Anxela Gracián, Iria Fernández Crespo, o dramaturgo Quico Cadaval, a arquitecta Isabel Aguirre de Urcola, o sacerdote Oscar G. Murado, descendente por parte de pai da aldea de San Paio de Abeleda e o delegado de Patrimonio do Bispado de Ourense Miguel Ángel González.

Toda esta iniciativa foi custeada íntegramente polo Sorriso de Daniel.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios