martes 02.06.2020

Música de tradición oral do Morrazo: un CD duplo para lle botar uns 'elelelos'

A asociación cultural Retrouso de Cela, fincada en Bueu, xa ten no forno Elelelos, un proxecto de recuperación e divulgación da música de tradición oral de tres parroquias do Morrazo.

[Imaxe: Retrouso]
[Imaxe: Retrouso]


Un elelelo é unha palabra onomatopeica que designa un cantar. Pois ben, moitos elelelos, ou moitos cantares, son os que compoñen o duplo CD que a asociación cultural Retrouso de Cela, de Bueu, está a ultimar e que levará por título Elelelos

Esta sinxela explicación resome un amplo e laborioso traballo de recopilación da música de tradición oral en tres parroquias do Morrazo e na Illa de Ons, para alén das historias que esas músicas agochan.

15 anos recollendo os sons da comarca

De Retrouso fai parte Guillerme Ignacio Costa, voz de Quempallou e produtor artístico de Elelelos. Leva 15 anos compilando cantares e música tradicional oral que dan forma a un arquivo sonoro de onde sairán 80 minutos de gravación rexistrados no primeiro disco.

"Mais tamén queriamos que participase o alumnado cun proxecto discográfico propio", polo que o segundo disco recolle unha ducia de pezas reinterpretadas. Pandeiretas, acordeón, gaita, zanfona, tambor e bombo soarán acompasados nesta homenaxe musical aos e ás informantes que colaboraron no proxecto. 

As músicas incluídas na escolma pertencen a tres parroquias do Morrazo --Beluso, Bueu e Cela-- e á Illa de Ons onde, conta Costa, "había moitas tocadoras de pandeireta" malia non exixir ningunha edición discográfica que recolla os seus sons de maneira directa. Aparecerán en Elelelos, e tamén aparecerá a arte de Consuelo de Pardiñas, a última pandereteira do concello de Bueu, ou José Entenza, o gaiteiro de Cela. 

Cada cantar, unha historia

Música para xogos, cantares de arrolo, comparsas, cantares de reis e romances de cego son algúns dos subxéneros que se divulgarán con este proxecto de tradición viva. Con cada cantar vai tamén unha historia e Guillerme Ignacio Costa sabe moitas porque llas transmitiron @s informantes, as persoas con quen combinou para a recuperación dos sons que fan parte do seu arquivo. 

"Explican cando e onde se cantaba" e conta unha historia que ouviu de boca da Teresa, alcumada 'A Neta'. Traballando en Massó nos anos da postguerra, unha compañeira súa namentres lavouraba entoaba estes versos: "os que eran comunistas agora son requetés / cambiaron a chaqueta do dereito pro revés". Ao pasar o dono da empresa, que era afín aos fascistas, escoitou e, lonxe de a mandar calar, riu e animouna a seguir cantando.

Non se perderon músicas, perdéronse usos

Di o integrante de Quempallou que, mais que desaparecer unha parte música de tradición oral, "desapareceron usos". Así, explica que, se ben a pandeireta deixou de se tocar na comarca aló polos anos 50, comezou a se escoitar a filarmónica.

Antes xuntábanse nas casas para tocar "e agora van tocar aos furanchos". A necesidade que viron desde Retrouso de Cela non foi logo a de recuperar este patrimonio, que tamén. Foi, sobre todo, a de o quitar do prelo. "Había un baleiro de divulgación e foi a iso ao que nos acollemos", continúa sinalando Guillerme Ignacio Costa.

Crowdfunding pola tradición oral

A orixinalidade do proxecto non vén dada unicamente porque sexa o primeiro proxecto de música tradicional da Galiza e do Estado español. Tamén é orixinal o modelo de financiamento que puxeron en marcha: micro-mecenazgo, financiamento social, a través da plataforma de crowdfunding Verkami.

En 40 días tiñan que conseguir 1.600 euros para poder seguir adiante. Porén, aos dez pasara xa dos 2.000 euros. De aquí ao 17 de decembro terá que xuntar 3.600 euros, o valor total do disco. Para Verkami vai o 5% e para o banco o 1,35%. A produtora Danga Danga axudou coa produción do vídeo; para a casa de quen colabore irá unha camisola cun deseño orixinal de Luís Davila.

comentarios