Agora

Oficina de Correos.
Agora

O voto por correo para as eleccións europeas poderá depositarse até o 6 de xuño

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou onte ampliar até o 6 de xuño o prazo para depositar nas oficinas postais o voto por correo das eleccións europeas do 9 de xuño. Ademais, a XEC tamén comunicou que "ningún Estado membro poderá facer públicos os seus resultados electorais" até pasadas as 23 horas dese día.
José Manuel Rodríguez Uribes é o presidente do CSD. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Agora

O CSD intervén a RFEF, pero non inhabilita o imputado Pedro Rocha

O novo capítulo na extensa novela da crise aberta na Real Federación Española (RFEF) desde o bico non desexado de Luis Rubiales a Jennifer Hermoso na final do pasado Mundial escribiuse onte. O Consello Superior de Deportes (CSD) tomou a decisión de intervir para "corrixir a grave situación que atravesa a RFEF e para que a entidade poida iniciar unha etapa de rexeneración baixo un clima de estabilidade e institucionalidade". Para iso, constituirá unha comisión que terá á fronte a tres "persoas independentes de recoñecido prestixio", entre as que estará como representante federativo un Pedro Rocha -candidato único á presidencia do ente- ao que o CSD decidiu non suspender a pesar de estar imputado.
O primeiro ministro escocés, Humza Yousaf (SNP). (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / DPA vía Europa Press)
Agora

O SNP racha a coalición de Goberno cos Verdes en Escocia e enfrontará unha moción de censura dos conservadores

“Creo que ao pobo escocés lle convén buscar un acordo diferente”, sostivo a quinta feira o primeiro ministro e líder do Partido Nacional Escocés (SNP), Humza Yousaf, ao facer pública a ruptura cos Verdes, formación coa que os soberanistas gobernan desde 2021, após unha semana de choques pola súa decisión de abandonar o compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro até 75% a finais da década.

Mentres os Verdes criticaban a súa “covardía política” e que venda “as xeracións futuras”, o Partido Conservador presentou unha moción de censura contra o novo Executivo en minoría do SNP e o Partido Laborista insistiu en que se deben convocar eleccións anticipadas como saída a crise do Goberno escocés.

Jessica Bouzas (Foto: FGT).
Agora

Jessica Bouzas, eliminada na segunda rolda do Madrid Open

Acabou o soño da tenista galega Jessica Bouzas no Mutua Madrid Open, o primeiro torneo da categoría WTA 1000 que disputou na súa carreira. Logo de eliminar na primeira rolda a toda unha ex número 2 do mundo como Paula Badosa, a de Vilagarcía de Arousa non tivo opcións sobre a terra batida da Caixa Máxica fronte Jelena Ostapenko, que actualmente ocupa a posición número 10 no ránking da WTA. A letoa impúxose por un contundente 6-3/6-1, a pesar dun interesante comezo de Bouzas que a piques estivo de subir ao electrónico o 3-1 no primeiro set, máis Ostapenko logrou facer boa a súa maior experiencia ante unha galega que está un pouco máis cerca dos Xogos Olímpicos.

O galego (diante), boga con Carracedo onte na proba continental. (Foto: RFER).
Agora

Caetano Horta, á 'repesca' no Europeo de Remo

A localidade húngara de Szeged, unha das grandes capitais do remo a nivel continental, acolle desde esta queinta feira e até o próximo domingo, 28 de abril, o Campionato de Europa da modalidade, unha cita chave de cara á preparación para os Xogos Olímpicos de París. Alí está presente o noiés Caetano Horta, que participou en compañía do catalán Dennis Carracedo nunha das primeiras probas da competición, a do dobre scull lixeiro masculino LM2x. Lamentabelmente, a sorte non estivo do lado dun deportista que en 2021, no marco da campaña de Vía Galega 'Galiza, un pobo, unha selección', non ocultou o "orgullo" que sentiría por poder competir algún día defendendo a Galiza a nivel internacional, pois tras ser segundo na súa serie deberá disputar na sexta feira unha 'repesca' para lograr coarse na finalísima.
 
Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Falece un motorista tras chocar contra un coche en Gondomar

O condutor dunha motocicleta perdeu a vida na madrugada desta quinta feira tras chocar contra un coche na localidade de Gondomar (comarca de Vigo). Segundo informa o 112 Galiza, os feitos ocorreron sobre as 00.10 horas e foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencia, asegurando que un home estaba tirado na estrada, aparentemente inconsciente, despois de producirse un accidente no punto quilométrico 18 da PO-340. Até alí desprazáronse os servizos de urxencias do 061. Con todo, nada puideron facer por salvarlle a vida ao home. A Garda Civil de Tráfico e o persoal de mantemento da vía tamén participaron no operativo.

O líder luso, Marcelo Rebelo de Sousa (dereita), a terza feira. (Foto: Rui Ochoa / Presidência da República de Portugal)
Agora

Rebelo de Sousa admite que Portugal debe "pagar os custos" da escravitude e a colonización

Portugal “asume toda a responsabilidade” polo seu papel no tráfico de persoas escravas e os crimes dos países que colonizou, e “temos que pagar os custos”. “Hai accións que non foron castigadas e os responsábeis non foron arrestados? Hai bens que foron saqueados e non devoltos? Vexamos como podemos reparar isto”, salientou o presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, en declaracións recollidas a cuarta feira pola axencia Reuters.
O ex xogador do Celta dá imaxe á campaña. (Foto: La Liga).
Agora

O fútbol une forzas para frear o odio en Nigrán

"Quero falarvos desde o corazón, porque cada unha e cada un de vós tedes un grandísimo poder, o poder de cambiar as cousas e acabar cos discursos de odio. Tanto na vida como no deporte, máis alá dos goles, os logros e os trofeos, están as aprendizaxes, a amizade e o respecto". As verbas sobre estas liñas pertencen a Brais Méndez,  ex futbolista internacional do Celta, actualmente na Real Sociedade, e cara visíbel da campaña 'Stop Odio' da ONG Igaxes e o Concello de Nigrán, coa que pretenden "promover valores de respecto e igualdade" ao mesmo tempo que se logra "que ningún neno, nena ou persoa moza teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobreza ou exclusión social". Para logralo, o centrocampista de 27 anos participará en palestras xunto con persoeiros da cultura e o deporte, organizaranse obradoiros de sensibilización contra o odio en escolas e clubs deportivos, así como un torneo de fútbol praia en Nigrán dirixido a adolescentes de entre 12 e 16 anos os días 15 e 16 de xuño.

Unha axente das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais durante a extinción dun incendio en xullo de 2022, en Samos, comarca de Sarria (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

Un incendio comezado pola noite queima xa máis de 20 hectáreas na Caniza

A Consellaría do Medio Rural informou de que na pasada noite iniciouse un incendio forestal na localidade da Caniza (A Paradanta), que queima xa máis de 20 hectáreas. En concreto, o fogo comezou pasadas as 22 horas desta terza feira na parroquia da Parada das Achas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción dous técnicos, oito axentes, 15 brigadas, 12 motobombas e unha pa.
Kiko da Silva e Demetrio Gómez, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Agora

O festival BDra reivindica a banda deseñada, unha arte na que Pontevedra "é potencia"

O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta terza feira a nova edición do festival BDra Gráfica –que decorrerá entre o 27 e o 30 de xuño–, acompañado do seu impulsor, o debuxante e profesor Kiko da Silva. A cita, que comezou a súa andaina en 2023, contará nesta ocasión cun impulso de contidos e programación en todos os niveis."Pontevedra é unha referencia dentro da BD [...], somos unha potencia", indicou o concelleiro. 
Secundino García (segundo pola dereita), no acto de presentación. (Foto: Concello de San Sadurniño).
Agora

San Sadurniño decide a fase de ascenso á Superliga Masculina 2 de voleibol

A localidade de San Sadurniño (Ferrolterra) foi a sede escollida pola Real Federación Española de Voleibol (RFEV) para albergar a fase de ascenso á Superliga Masculina, que se desenvolverá desde mañá e até o domingo, 28 de abril, no Pavillón Municipal. Organizada polo Aldebarán, a escuadra local, esta ficou encadrada no Grupo 'A' e deberá medir forzas con Ibiza e Leganés, mentres que no Grupo 'B' colidirán Textil Santanderina, Utrera e Instercap Tarragona SPSP. Ambos os grupos disputarán unha liguiña a unha volta para conformar a clasificación que definirá as semifinais da tarde do sábado 27, uns encontros que situarán os seus vencedores na gran final do domingo e outorgarán, ademais, o ascenso directo, polo que o único aliciente será saber quen é o campión da Superliga Masculina 2.
Maite Méndez. (Foto: CB Arxil).
Agora

Morre Maite Méndez, lenda do baloncesto pontevedrés

O baloncesto galego está de loito logo do falecemento de Maite Méndez, adestradora do Arxil, segundo informou esta terza feira o club do que foi cofundadora e ao que dirixiu ao longo das últimas 24 tempadas. A morte sorprendeu a preparadora apenas unhas horas despois de dirixir unha sesión de adestramento dun Arxil que conta os días para a súa estrea na fase de ascenso a Liga Challenge, que terá lugar ás 18.15 horas de mañá en Zaragoza ante Mipelletymas BF León. O deceso consternou o mundo do baloncesto galego, que foi profuso en condolencias. Pola súa parte, a Federación anunciou que se gardará un minuto de silencio antes de todos os  partidos desta semana.

Efrén Castro (segundo pola dereita), na presentación da proba. (Foto: VIcepresidencia Deputación de Lugo).
Agora

A Subida a Taboada abre o Galego de Montaña

O Campionato Galego de Montaña 2024 terá como punto de partida a décimo primeira edición da Subida a Taboada, que se desenvolverá ao longo da presente fin de semana, concretamente do sábado, 28 de abril, a domingo día 29. A proba, que regresou o pasado ano 2023 logo de 17 anos de ausencia grazas ao traballo da Escudería Taboada -coa colaboración da vicepresidencia da Deputación de Lugo- manterá o seu trazado habitual, situado nun treito da estrada LU-611 entre Rubián (Bóveda) e a localidade chantadina de Taboada.  Nesta ocasión o certame será puntuábel, ademais de para o ránking de Montaña nas súas distintas clases (1, 2, 3, 4, 5A, 5B, 5C e 6), para a denominada 'Copa Antoxo', destinada a vehículos de cilindrada inferior a 1.600 centímetros cúbicos con motor atmosférico, tracción dianteira e caixa de cambios en 'H'. Durante a presentación desta Subida a Taboada, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, ratificou na súa intervención a "colaboración" do departamento de Deportes da institución provincial co mundo do motor, salientando a súa intención de "consolidar" o evento como "un referente desta modalidade deportiva que facilita ao público seguir os rallys e xera actividade económica na vila".

Pablo Isla e Flora Pérez na última xunta de accionistas de Inditex. (Europa Press).
Agora

Pablo Isla, ex presidente de Inditex, elixido novo vicepresidente de Nestlé

Nestlé nomeou Pablo Isla, ex presidente e conselleiro delegado de Inditex, novo vicepresidente do seu consello de administración, conselleiro coordinador e presidente da comisión de nomeamentos do xigante suízo da alimentación, segundo aprobou a multinacional na súa última xunta xeral de accionistas, realizada en Lausana (Suíza). Así, Isla pegou un salto dentro do organigrama de Nestlé após seis anos como conselleiro independente na compañía suíza, dado que se uniu ao seu consello de administración en 2018. Isla dirixiu Inditex entre 2005 e 2022, primeiro como conselleiro delegado e logo como presidente e conselleiro delegado desde 2011.
EuropaPress_5910116_incendio_rois_coruna
Agora

Estabilizados os incendios forestais de Barreiros e de Rois, que queiman xa case 120 hectáreas entre ambos os dous

A Consellaría do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado en Rois (O Sar) foi estabilizado pasadas as 5.00 horas desta terza feira, afectando xa unhas 100 hectáreas. Tamén foi controlado o fogo de Barreiros (A Mariña), que queima unhas 17 hectáreas. En Rois, o incendio comezou minutos antes das 18horas da segunda feira e para a súa extinción mobilizáronse até o momento tres técnicos, 29 axentes, 31 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, catro avións e cinco helicópteros. En concreto, está a afectar á parroquia de Leroño.

Incendio en Rois (Foto: Europa Press).
Agora

Un incendio activo en Rois xa queimou 50 hectáreas

Un incendio forestal activo en Rois (O Sar) queimou até o momento 50 hectáreas. O lume comezou ás 17.55 horas na parroquia de Herbogo e a intensidade do fume fixo que se puidese observar desde a costa en municipios como Noia (comarca homónima). O vento tamén reactivou o incendio forestal que a pasada sexta feira calcinou máis de tres hectáreas na localidade de Barreiros (A Mariña).

Xián (centro) foi, unha vez máis, o mellor na categoría infantil. (Foto: FGDA).
Agora

A Supercopa de billarda xa ten contendentes

A xornada 14 da Liga Atlántica de Billarda na súa conferencia Rías Baixas, disputada esta pasada fin de semana en Bueu (O Morrazo), outorgou as últimas cinco prazas que restaban por determinar para ser parte o vindeiro sábado, 27 de abril, na Supercopa de Billarda, un torneo que se disputará na Coruña e que será retransmitida polas cámaras da TVG2. Deste modo, no Grupo '1' competirán Collazo (APB), Belmira (Valpaços), Kevin (APB) e Salgue (Valpaços); no '2', enfrontaranse Eladio (Campo da Feira), Bego (Corredoiras), Valentín (Filloas de Sangue) e Novás (Corredoiras); no '3', medirán forzas Anzo (Gharaboto), Merche (APB), Xián (Lúa de Forza) e Juan Carlos (Campo da Feira); mentres que no '4' colidirán Xan Rodiño (Lúa de Forza), Irene (Cochiqeueiros), Antía (Gharaboto) e Viqueira (Coquiqueiros).
O limiao permanece ingresado en observación nun hospital belga. (Foto: Carlos Canal).
Agora

Grave caída do ciclista galego Carlos Canal na Liexa-Bastogne-Liexa

Actualmente, o máximo expoñente do ciclismo galego masculino no circuíto profesional en estrada non é outro que Carlos Canal. Porén, a sorte non estivo do seu lado na clásica Liexa-Bastogne-Liexa (a decana das probas denominadas como 'monumentos do ciclismo' xunto coa París-Roubaix, a Milán-San Remo, o Giro de Lombardía e o Tour de Flandes), pois sufriu unha aparatosa caída que non só lle impediu completar o percorrido, senón que obrigou a trasladalo até o hospital. A falta de 69 quilómetros para a liña de meta un bolardo mal sinalizado na beira esquerda da estrada elevou polos aires o corredor de 22 anos, que impactou de cabeza contra o firme, ficando totalmente inmóbil. Afortunadamente, as probas médicas que lle practicaron descartaron "tanto lesións óseas como cerebrais", mais si que padece un traumatismo cranial e diversas feridas e contusións tanto no ombreiro esquerdo como en ambos os xeonllos que obrigaron á súa permanencia en observación, desde onde o limiao manifestou  que todo "está en orde".

 .

Arroxo e Ferreiro, á esquerda, na Biblioteca Isidro Novo.
Agora

O Concello de Lugo dará a coñecer hoxe a persoa gañadora do Premio Ánxel Fole

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira responsábel da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron desde a Biblioteca Municipal Isidro Novo as actividades organizadas polo Concello de Lugo con motivo do Día do Libro. Hoxe, a concellería de Cultura repartirá libros en todas as salas museísticas da cidade de Lugo, co fin de promover o hábito da lectura.  Ademais, ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a presentación da obra da persoa gañadora do  XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza.  Maite Ferreiro destacou este certame como "unha cita consolidada xa no calendario cultural galego".  
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

A compravenda de vivendas aumentou 38,4% en febreiro na Galiza

A compravenda de vivendas na Galiza subiu 38,4% o pasado febreiro, en comparación co mesmo mes de 2023, até situarse nos 2.090 inmóbeis, segundo datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a Galiza rexistrou un incremento seis veces superior ao da media estatal. Na Galiza, 517 das vivendas comercializadas eran novas, case 46,9% máis; mentres que 1.573 eran usadas, 37% máis. Por outra parte, 2.009 tratábase de vivenda libre e os 81 restantes, protexidas.