Opinión

Do PCE a Vox

Recentemente Vox presentou unha moción de censura contra o actual goberno do PSOE defendida por Tamames. Tamames foi militante do PCE, chegou a estar no comité central de dito partido e rematou a súa militancia en Vox. Tamén o recén finado Sánchez Dragó seguiu a mesma traxectoria, do PCE a Vox.

Houbo moita xente que se pasou do PCE ao PSOE, o PP e incluso a Vox. Que pensarían Dolores Ibárruri (A Pasionaria) ou Ignacio Gallego se viviran do comportamento desta xente? Tamén hai quen fixo o camiño a inversa, máis a esquerda. Penso en Antón Arias Curto que pasou do PCE ao Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe.

O PCE foi o partido que a nivel estatal tivo máis militantes durante o franquismo e cun gran activismo político. É penoso que esta xente que pertenceu ao PCE pasase de defender a ditadura do proletariado a abrazar a ditadura fascista en Vox.

Esas xentes non souperon evolucionar dunha forma racional. Persoalmente penso que se estas persoas xa non comparten as ideas marxistas deberían abandoar a militancia e o activismo político. Nunca vin con bos ollos estes cambios radicais, será porque nunca abracei a militancia noutra organización aquí na Galiza , despois da asemblea nacional de Amio, que non fose o Bloque. E aí seguirei, non pensó cambiar de ideas nin de organización.

A certas idades non podemos falar de oportunismo político para facer eses cambios ideolóxicos porque xa non hai un interés económico nin de prosperar. Pero temos que pensar: cando nos estaban a contar a verdade? Cando estaban no PCE ou agora que están en Vox?

Dentro da esquerda existen posturas inexplicables, como o non chegar a un acordo entre Sumar e Podemos a nivel estatal, pero eses son intereses de menor importancia como non é no caso do BNG, que ten como marca de organización o nacionalismo que xa leva no seu propio nome, Bloque Nacionalista Galego.

O resumo deste artigo sería que en lugar de estes cambios radicais de ideoloxía, a certas idades, estes políticos deberían saber retirarse a tempo. Como di o refraneiro, "Retirarse a tempo é unha vitoria" ou "Soldado vivo vale para outra guerra".

Chamo os rapaces  que decidiron entrar en política a  que lean e se formen e, unha vez decididos a abrazar unha ideoloxía, que a conserven toda a vida. É moi bonito ao cabo dos anos ter a satisfacción íntima de ser coherentes con un mesmo ata a nosa retirada.    

Comentarios