Moción de censura

Fracasa a moción de censura de Vox coa oposición da práctica totalidade do Congreso, agás a abstención do PP

Só votaron a favor os 52 parlamentarios da extrema dereita e o ex deputado de Ciudadanos Pablo Cambronero, hoxe no grupo mixto. O PP, Foro e os expulsados de Navarra Suma decidiron absterse. 
Diseño sin título (2)
photo_camera A moción de censura debaterase esta cuarta feira unha vez finalizado o debate. (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press)

O Pleno do Congreso rexeitou esta cuarta feira a moción de censura presentada por Vox co economista Ramón Tamames como candidato a presidente do Goberno español. Tras día e medio de debates, a iniciativa non sumou o apoio de ningún grupo parlamentario e só logrou a abstención do PP e dos tránsfugas de Navarra Suma, que na primeira moción de Santiago Abascal votara en contra e agora avogou pola abstención. Para prosperar, a moción precisaba a maioría absoluta do Congreso —176 votos—, mais ficou moi lonxe, en 53 votos.

Na votación, que foi pública e por chamamento, cos deputados póndose en pé e anunciando o seu voto a viva voz, a moción de censura cultivou 53 votos a favor, os da formación de ultradereita e mais o do ex deputado de Ciudadanos Pablo Cambronero, que pasou ao grupo mixto tras a crise interna da formación laranxa en 2021. Pero perderon fronte aos 201 deputados en contra, procedentes do PSOE, Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos, PNV, EH Bildu, Junts, PDeCAT, Máis País, Compromís, CC, CUP, BNG, PRC e Teruel Existe, así como da ex deputada de Podemos Meri Pita, agora independente.

Son as mesmas posicións que mantiveron estes partidos na moción de censura que encabezou Santiago Abascal en 2020, pero esta vez houbo máis abstencións, un total de 91, procedentes do PP e dos seus aliados de Foro e os ex de Navarra Suma, Carlos García Adanero e Sergio Sayas. Esta cuarta feira non votaron, por parte de Unidas Podemos, Marisa Saavedra e Roberto Uriarte, nin a parlamentaria de Bildu Isabel Pozueta, que estaban ausentes e tampouco se acolleron ao voto telemático.

Cuca Gamarra (PP): "Abstémonos por respecto aos españois e ao señor Tamames"

"Non imos votar 'si' por respecto aos españois e non votamos 'non' por respecto ao señor Tamames", xustificou, na intervención que deu comezo ao debate esta cuarta feira, a portavoz da bancada popular, Cuca Gamarra. Insistiu a parlamentaria en que a abstención do seu grupo é "congruente", pois "non ten ataduras" e segue "criterios propios que só se guían polo interese xeral dos cidadáns", dixo.

Acto seguido, procedeu a cargar duramente contra un Goberno que considera "o máis cainita e inestábel de toda a Unión Europea". Gamarra lembrou que esta é a cuarta moción de censura que se debate na Cámara en seis anos —unha presentada por Pablo Iglesias, dúas de Vox coa de hoxe e outra por Pedro Sánchez, a única que se aprobou—, polo que o que na teoría é un "mecanismo excepcional", lamentou, tornou nunha "ferramenta para a promoción persoal ou a fabricación de relatos adulterados".

"O noso camiño é outro e discrepamos do como, do cando e do quen desta moción de censura. Non serve para pór en marcha o futuro desta nación; hai que utilizar as figuras parlamentarias para o que foron creadas e non era necesario chegar a este punto. Podemos atopar coincidencias no relato, pero non é o noso relato, nin o noso candidato, nin o noso estilo. Non podemos ir máis aló. España espera unha alternativa, pero non é vostede, señor Tamames", argumentou.

Patxi López (PSOE): "O futuro de Feixoo está ligado a Vox, e non enganan a ninguén"

Especialmente crítico coa postura do Partido Popular foi o portavoz socialista, Patxi López: "Feixoo vai levar o grupo á abstención, porque para a súa viaxe ao centro vanse á extrema dereita. Porque o señor Feixoo só levou o PP cada vez máis á dereita. Só fixo un pacto, con Vox en Castela e León. Cada vez que tivo unha voz propia, como non lles gusta aos que mandan de verdade no PP, cambiou de posición en cinco minutos e non se lle moveu nin unha cella [...] Poderían non agocharse, porque o futuro de Feixoo está ligado a Vox, e non enganan a ninguén".

Esta moción é un "tres en un", afirmou López: "a formal", contra o Goberno español; a segunda, "que Vox e Tamames puxeron contra si mesmos porque non saben onde meterse", e a terceira, "a real", que a ultradereita, dixo, "presenta contra o PP". "Están unidos, son o mesmo e pensan o mesmo", reiterou.

O socialista tamén recriminou as palabras de Tamames desta terza feira nas que acusaba Francisco Largo Caballero de estar detrás do inicio do golpe de Estado e posterior guerra de 1936: "Parécelles nefasta a Lei de memoria democrática, que non lles gusta nin a vostede, nin a Vox, nin ao PP. E dixo que a guerra civil empezou en 1934, porque parece que quere xustificar o alzamento contra a Segunda República, e dixo que na guerra non houbo bos nin malos... O seguinte que é, que o ditador [Francisco Franco] era bo? Nunca pode deixar de ser o ditador Franco nin pode estar en ningún lugar público para ser honrado, e este Goberno sacouno do val dos Caídos para orgullo deste país. E o que dixo onte vostede é impresentábel".

Ramón Tamames: "Un cabeza de moción de censura non ten por que entrar en loitas internas do Congreso, non esperaba isto"

Ramón Tamames non o pasou por alto na súa quenda de réplica e asegurou que ía "dar un repaso" sobre a historia do Estado español ao Congreso, entendendo que os demais partidos estaban a pronunciar "mítines de cara ás eleccións do 28 de maio" no canto dunha "sesión parlamentaria". "Un cabeza de moción de censura non ten por que entrar en loitas internas do Congreso, non esperaba isto", manifestou.

"Vimos unha exacerbación atacando principios fundamentais da convivencia, creando unha situación de amigo-inimigo, e para acabar coas dúas Españas, peores que as de 1936. Buscan a separación e iso non é correcto. Critícaseme que non teño un programa, pero non me dixeron nada de Marrocos", alegou.

E non faltaron tampouco as críticas ao Goberno na liña do defendido por Vox: "Vostedes as mulleres utilízanas como moeda de cambio, vostedes os mellores, os máis bos... Pero, home de deus, temos aí unha, que é Isabel a Católica, que tiña máis poder que o propio rei. E agora temos máis violacións que antes de toda esta vaga feminista".

Desde Ciudadanos centráronse na ausencia de Núñez Feixoo, "supostamente o líder da oposición" e "protagonista invisíbel" da sesión, en palabras de Inés Arrimadas. "Nunca houbo un Goberno tan daniño", mais tampouco "un líder tan incomparecente", afirmou, en alusión a Feixoo, que "pretende que lle caia o goberno como froita madura". A Sánchez non o veu "moi afectado", pois "a súa falta de escrúpulos faino impermeábel ás críticas da oposición".

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, sinalou ao PP como gañador, e dirixiuse a Tamames para pedirlle unha "reflexión", porque "a sabedoría non é incompatíbel coa miseria moral", cuestionando a "mala idea" de aceptar a oferta da ultradereita.

Unha "fraude constitucional" é, a ollos do presidente Pedro Sánchez, o que se produciu nas últimas horas na Cámara baixa. O Goberno, dixo, afrontou o debate co "máximo respecto", un respecto que, reprochou, non compartiu Tamames. Sobre Feixoo, engadiu: "O líder do PP cala, mais co seu silencio dío todo, que saben e precisan a Vox para gobernar após o 28 de maio".

Pola súa parte, a portavoz de Coalición Canaria no Congreso, Ana Oramas, sinalou Tamames como "actor secundario" dunha iniciativa parlamentaria na que se presentaba como "protagonista", ao tempo que desdeñou as intervencións de Pedro Sánchez, Yolanda Díaz e Santiago Abascal.

O deputado de Teruel Existe, Tomás Guitarte, que agradeceu a Tamames a súa defensa da "España Baleirada", volveu reprochar a Vox esta moción de censura, compartindo a "crítica" nalgúns aspectos ao Goberno. Con todo, como fixeron varios grupos durante este debate, Guitarte defendeu que serán as urnas "as que falarán nuns meses", e os cidadáns "os que cos seus votos quitarán ou darán razóns".

Na súa quenda, o deputado do PRC cántabro, José María Mazón, volveu denunciar a situación de Cantabria, "en falta de infraestruturas, a situación da industria, os servizos básicos ou os trens de proximidade", eloxiando a aposta de Tamames de "eliminar a crispación".

Por último, o ex deputado de UPN Sergio Sayas arremeteu contra as palabras de Sánchez, pero tamén contra as do portavoz do PSOE, Patxi López, volvendo criticar os seus pactos cos independistas cataláns e vascos.

Comentarios