Desenfoque e bananas vermellas
Non hai dúbida de que a situación do agro é cada vez máis complicada. A falta de apoios leva a que co tempo sexa máis difícil soster un tipo de vida que pasou de ser a columna vertebral do país a unha actividade mal remunerada e suxeita a numerosos abusos.
O enfoque industrial do agro fai que se acabe dependendo de grandes empresas e de intermediarios a quen lles interesa sacar tallada e non mediar entre consumidoras e produtoras. Dentro deste panorama, en Galicia podemos dicir que estes dous extremos, grazas á teimosía das nosas labregas, aínda están bastante próximos e teñen onde atoparse, dende as feiras ata as prazas de abastos. Isto garante a preservación do territorio, das comunidades e dunha cultura que, por certo, non se entende desvinculada dun idioma propio.
Porén, resulta preocupante que as protestas que decontino acontecen, e con razón, acaben acaparadas por discursos desenfocados. Os problemas do agro en Galicia non os causan as agricultoras dos países do Mercosur (e o Acordo Comercial entre EUA e a UE, que?), senón empresas impulsadas por grandes intereses. Hai moitas décadas que a Via Campesina leva reclamando a soberanía alimentar como un chanzo básico para a transformación política. Nesa idea de que as comunidades sexan independentes para alimentarse non podemos esquecer que, por moito ruído que se faga sobre os produtos "baratos" que van entrar nos mercados europeos, quen peor parte leva da situación son as comunidades e agricultoras dos países do sur.
Cómpre non esquecer que unha agricultura dedicada á exportación, como a que obrigan a realizar en moitos países de América Latina, África e Asia, desabastece e encarece o alimento ás poboacións locais. Arríncase o alimento local para plantar soia, desaparecen as variedades de froita locais para introducir mazás carísimas importadas. Hai anos que observo esta tendencia en Támil Nadu, o meu segundo fogar, onde hai unha innumerable cantidade de tipos de banana que de repente foron substituídas polo Cavendish, mentres que atopo aquí bananas vermellas (sevvazhai en támil) que alá case desapareceron.
Nun momento onde o agro padece cómpre non desviar a atención, cómpre poñer o foco nas alianzas e na necesidade dun consumo local con remuneración digna. E debemos estar unidas para que TODAS as persoas que viven do agro no mundo poidan facelo dignamente. Vainos o futuro en defender os seus dereitos.