Opinión

Os secadoiros de congro de Muxía

A burocracia non entende de sinais de identidade

Todos e todas temos imaxes coas que identificamos persoas e lugares. Non sempre temos que coincidir, mais ás veces si. Muxía, como outros lugares, ten tamén as súas imaxes e seguro que coincidimos nalgunhas: a punta da Barca co seu santuario e as pedras nas que baten os tombos d´este mar salvaxe, unha moi pouca terra rodeada por un moito de mar, o Corpiño de altos penedos, as pequenas hortas que tan importantes foron para a subsistencia desta poboación ao longo da historia, o vento do nordés que levou ao portugués Hugo Rocha a chamar a esta vila a noiva do vento... O espazo físico, xeográfico, aparece unido á historia e ás formas de vida dunha comunidade.

Todas son imaxes que identificamos cun lugar exacto e cunha xente que o habita historicamente, neste caso moi vinculada ao mar até agora. Para nós son imaxes, para a xente de Muxía, referencias de pertenza a un lugar, porque o espazo é unha construción social feita por elementos de distinta natureza, creados e modificados pola man do ser humano e que, legados a través do tempo, se erguen como sinais de identidade. Son os referentes que sinalan unha vida en sociedade, dan sentido á vida das persoas. Sen referentes comúns a xente pérdese. Aquí diríamos que anda aboiada.

Outras imaxes muxiás foron borradas xa para sempre: as lanchas en seco e apoiadas no peitoril do Malecón, a praia das Lanchas, areais que chegaban até o pé das casas e que foron sepultados baixo o asfalto, o alto Bolo de Domingo de Deus, a Pedra dos Corvos. Todos desapareceron para agochar o mar. Agora queren borrar outra desas imaxes: a dos secadoiros de congro. Os dous únicos que existen en toda a costa atlántica que falan dunha moi antiquísima tradición de curar o peixe e poder transportalo a centos de quilómetros cara ao interior, comercializalo nas terras de Castela e de Aragón, onde o comían curado. Nós comiámolo fresco, e de moitas maneiras: en caldeirada, guisado, ao forno, en empanada, en salpicón. A literatura fala doutros xeitos. Xoán Manuel Pintos dinos do congro frixido en escabeche.

Se Muxía existe é pola súa relación co mar. Os secadoiros de congro son unha mostra desa relación histórica, dos vínculos entre un grupo humano e un medio físico con determinadas potencialidades, aquí o mar e o vento, potencialidades que obrigaron á comunidade a adaptarse a partir das experiencias acumuladas. Hoxe, os avances técnicos quebraron este aspecto e o congro pode curarse xa non nas cabrias ao aire libre, pero estas estruturas de madeira permiten comprender as peculiaridades deste territorio. Teñen tanta forza histórica coma outros elementos aos que non lla discutimos.

Desde a aparición a comezos da segunda metade do século pasado da teoría dos bens culturais, o valor dun obxecto ou manifestación cultural non vén dado pola súa materialidade, rareza ou outra especificidade, senón máis ben polo seu valor simbólico e capacidade de evocación, porque é valorado como testemuño de procesos históricos que levaron á conformación dunha identidade colectiva. Os secadoiros de congro, agora máis alá dun modo de vida para dúas familias e dunha imaxe, son un ben cultural. E os bens culturais hai que protexelos, valoralos positivamente e non perseguilos. As normas administrativas teñen que partir do coñecemento deste patrimonio para conservalo. Á hora de protexer podíase empezar por catalogalos como patrimonio etnolóxico, darlle un recoñecemento que implica a articulación de posibles medidas para a súa preservación, preservación que ten que ir máis alá de conservar unha estrutura de madeira como un atractivo turístico. Hai máis elementos que a simple materialidade.

Borrar os elementos que canalizan esta relación é borrar a historia e a vida deste lugar. Ademais, a imaxe dos secadoiros vai máis aló de Muxía. Son un referente tamén para eses lugares de Castela ou Aragón onde o congro curado está historicamente no seu modo de vida, é sinal de identidade.

Non nos gustaría ver un pobo sen as súas referencias que o vinculan coa historia que marcou o seu xeito de vida. Queremos un pobo vivo. Ir eliminado elementos referenciais e ir matando vida, pechando o futuro.

Comentarios