Uxía canta a Manuel María no Teatro Principal 

Esta noite preséntase en directo ‘Uxía canta a Manuel María’ no Teatro Principal de Santiago de Compostela. E con Xabier Díaz de convidado especial.

uxia-manuelmaria
photo_camera Uxía na Casa-Museo de Manuel María

‘Uxía canta a Manuel María’ é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía. A cantora arroupa a poesía do chairego coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón, e o ‘latexar sincero da emoción’ que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimos e prezado legado. O traballo musical vai percorrendo os diversos camiños e temáticas poéticas do escritor, desde a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, a máis transcendente e metafísica, até a defensa da natureza ou a defensa da lingua.

O traballo presenta 15 cortes entre os que, ademais das novas composicións, se inclúen adaptacións de temas tan emblemáticos como ‘O Carro’, cantada no seu día por Fuxan os Ventos e o ‘Manual do Señorito’ por María Manuela. Como di a propia Uxía ‘Manuel María é o gozo de vivir e eu fixen un pacto con el no disco anterior e que agora manteño, para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser po, seixo ou silveira’.

A publicación de ‘Uxía canta a Manuel María’ é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posíbel entre todos os públicos: do infantil ao adulto. 

Trátase dunha fermosísima e moi coidada publicación que combina en formato CD a voz marabillosa e sensibilidade feita canción de Uxía pondo música a moitos dos versos de Manuel María, un código de descarga para visionar o audiovisual ‘De amor e cantería’ (Premio Mestre Mateo á mellor obra experimental do ano 2011) e un orixinal porta-poemas acompañado dunha selección de 52 poemas (un por cada semana do ano). Cada exemplar, ademais, é único: acompáñao unha folla de carballo recollida con agarimo por Saleta e varias/os amigas/os da Casa-Museo nun lugar tan querido polo poeta como a Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei.

Comentarios