Torra e Puigdemont advirten do intento de "criminalizar o independentismo"

As detencións de membros dos CDR (Comitès de Defensa de la República) son un intento de "equiparar os CDR co terrorismo", segundo as primeiras valoracións de líderes políticos cataláns, que temen que o Estado cre un "ambiente de violencia" xusto antes de que se coñezan as sentenzas do Tribunal Supremo sobre o 1-O. Dous dos nove activistas foron postos en liberdade mentres centos de persoas se manifestaban en distintos puntos de Catalunya en sinal de protesta. "Quen incendia a convivencia?" pregunta Ara nun editorial que titula "A distorsión da realidade: da rebelión ao terrorismo".
[Imaxe: Nacio Dixital] Concentración en Vic.
photo_camera [Imaxe: Nacio Dixital] Concentración en Vic.

O presidente da Generalitat, Quim Torra, pronunciouse sobre a serie de detencións de independentistas. Torrá considera que se trata dunha mostra máis da represión "que sigue sendo a única resposta do Estado español". O presidente catalán advirte nun chío na súa conta en Twitter que "están intentando volver construír un relato de violencia antes das sentenzas. Non o conseguirán. O movemento independentista é e será sempre pacífico"

Tamén opinou Carles Puigdemont. E dixo que as detencións de membros dos CDR "están ao servizo dunha historia" que é "no que se converteu a democracia española". Construirán un caso de terrorismo, vaticina Puigdemont, e pide ao independentismo "non caer en provocacións".

No mesmo sentido se pronunciou o presidente do Parlament, Roger Torrent. "Quereríannos violentos pero encontrarannos sempre en pé de paz", afirmou Torrent a través de Twitter e incidiu en que o independentismo é un "movemento cívico, pacífico e democrático". O presidente do Parlament insistiu en que "non conseguirán criminalizar o independentismo".

En relación ás detencións de membros dos CDR por parte da Garda Civil, o portavoz dos comúns no Congreso, Jaume Asens, opinou que pretender "equiparar os CDR co terrorismo" é unha "banalización" do terrorismo, e reafirmou "o carácter eminentemente pacifista" do movemento independentista catalán. 

 

Ameazas de Marlaska

Mentres, o ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, advirte que podería "reforzar" a presenza da Policía Nacional e da Garda Civil en Catalunya cando se faga pública a sentenza do proceso ao 1-O no Tribunal Supremo. Nunha entrevista en RNE, Grande-Marlaska argumenta que se adoptarán "as medidas necesarias para garantir a seguridade" e que todo o mundo poderá seguir "exercendo os seus dereitos e liberdades.

Desde o PSC, o seu secretario de organización, Salvador Illa, reclamou "responsabilidade" aos líderes políticos cataláns e suxeriu que "o normal é que momentos de ofuscamento leven algúns colectivos a radicalizarse".

Medios cataláns tamén subliñan como os programas de televisión Espejo público (Antena 3) e Al rojo vivo (La Sexta) presentaron hoxe o independentismo como un movemento radical, asustando á sociedade civil cunha grave represión, ademais de equiparar o movemento independentista co terrorismo, culminando así -explica Josep Casulleras en VilaWeb- o propósito do dispositivo policial. 

Desde Arran, nun comunicado, chaman á mobilización e constatan que "renunciar a obxectivos políticos non diminúe a represión". A esquerda independentista denuncia no texto "a criminalización da disidencia, a construción de historias ficticias e o desexo de inocular medo entre a poboación". 

Protestas e petición de comparecencia do ministro

Ás sete da tarde había convocadas máis de sesenta concentracións en vilas e cidades catalás. En localidades como Barcelona, Vic ou Sabadell as primeiras concentracións foron masivas. Houbo protestas en toda Catalunya: Cerdanyola del Vallès, Mollet, Santa Perpètua de Mogoda, Manresa, Lleida ou Tortosa entre outras vilas.  

Mentres, dous dos detidos desta mañá foron postos en liberdade, informan medios cataláns. A Fiscalía da Audiencia Nacional sinalou como grupo terrorista aos detidos e dixo que os seus "proxectos terroristas" estaban nun "avanzado grao de preparación", mesmo con "obxectivos seleccionados". Acúsaos de "terrorismo, rebelión e tenencia de explosivos".

Marta Sirvent, deputada das CUP, cualificou as detencións e todo o dispositivo como "unha montaxe policial", e Marta Vilalta (ERC) asegurou que se está intentando "construír un falso relato". ERC e JxCat solicitaron conxuntamente a comparecencia de Grande-Marlaska na Comisión de Interior. 

"La ràtzia contra l’independentisme aconsegueix fer explotar el carrer" (A razzia contra o independentismo fai explotar ás rúas), titula esta noite o dixital VilaWeb; mentres L'Acent informa dun corte das vías do tren en Reus entre as accións de protesta.


"A operación deste luns (...) debe enmarcarse na preparación do Estado ante a inminente sentenza do Tribunal Supremo sobre o proceso soberanista catalán. Unha preparación que dun lado parece querer dar un aviso ante a previsible indignación do cidadán (...), pero que, ao mesmo tempo, simplemente crea un clima de indignación. Quen incendia a convivencia? É unha preparación que, máis alá de Catalunya, responde tamén ao desexo de crear un estado de opinión tanto na sociedade española como nos medios internacionais", editorializa o Diari Ara

Comentarios