Imprimir

O Sergas prohibe carteis “difamatorios” ou contra as institucións en hospitais e centros de saúde

Europa Press / Redacción | 31 de xaneiro de 2020

O Servizo Galego de Saúde emitiu unha instrución que prohibe a colocación de carteis e avisos en hospitais e centros de saúde e limita estas comunicacións aos "taboleiros de anuncios" e veta ademais os contidos "difamatorios" ou que vaian en contra de “persoas, profesionais, institucións públicas ou privadas ou calquera outra entidade pública ou privada ".

Na instrución, o Sergas lamenta a "presenza en espazos públicos" destes centros de saúde e hospitais de "certos símbolos, críticas ás distintas políticas sanitarias ou chamadas a actos e concentracións de protesta" que "irían contra o principio de neutralidade das institucións ".

"O dereito á liberdade ideolóxica e á liberdade de expresión non é ilimitado, polo que non é posíbel permitir a exposición de carteis, notas ou comunicacións en centros públicos cuxo texto ou imaxe vulnera outros dereitos ", afirma.

Por iso, as instrucións indican que as comunicacións só se poderán colocar nos taboleiros de anuncios oficiais ou nos espazos axeitados para este uso.

"A censura non é neutralidade"

Voces como Enfermeiras eventuais en loita xa amosaron o seu rexeitamento "total" a unha medida que, considera, "só pretende reducir a liberdade de expresión dos seus traballadores, así como silenciar as críticas que se están a producir sistematicamente por todos e cada un dos grupos que forman o Servizo Galego de Saúde".

Subliñan que dende este grupo "non se atentou en ningún momento contra persoas, profesionais ou institución pública, senón que se fixeron chamadas para alzar a voz e esixir cambios para mellorar xa non só as condicións laborais de traballadores senon tamén a atención aos nosos pacientes".

Tamén se pronunciou sobre esta medida a Asemblea de Áreas Sanitarias da Coruña, que fala de “censura” e entende que o motivo desta instrución “é o feito de encontrarnos en ano electoral e que a Consellería quere silenciar calquera crítica posible á súa política sanitaria".

O BNG recrimina á Xunta tratar de "amordazar" as queixas dos profesionais da sanidade "cun pin sanitario" A portavoz parlamentar de Sanidade, Montse Prado, recriminou ao Goberno de Núñez Feiixoo" que "pretenda amordazar de forma pura e dura os profesionais sanitarios" galegos que denuncian o déficit de empregados, "a saturación e as deficiencias" dos seus centros de traballo.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sergas-prohibe-carteis-difamatorios-institucions-hospitais-centros-saude/20200131093930090521.html


© 2020 Nós Diario