Imprimir

A residencia integrada Porta do Camiño, habilitada para maiores con COVID-19, queda baleira

Europa Pess | 22 de maio de 2020

Unha traballadora acompaña a unha residente ao centro medicalizado de Porta do Camiño, en Compostela (Imaxe: Arxina).
Unha traballadora acompaña a unha residente ao centro medicalizado de Porta do Camiño, en Compostela (Imaxe: Arxina).
A Consellaría de Política Social confirma que non se vai fechar este centro por se fose necesario trasladar novamente a algunha persoa maior contaxiada polo coronavirus. 

A residencia integrada Porta do Camiño, habilitada pola Xunta para atender ás usuarias que deran positivo en COVID-19 procedentes de centros xeriátricos de Lugo e A Coruña, quedouse baleira esta sexta feira, após a saída das últimas catro persoas maiores que ficaban nela.

Segundo informaron a Europa Press fontes das consellarías de Política Social e de Sanidade, nas últimas horas confirmouse a saída de tres anciáns libres de COVID-19 e o traslado dun cuarto, aínda positivo, ao Hospital Clínico de Compostela.

Este centro sociocomunitario compostelán foi habilitado como residencia integrada (medicalizada) dependente do Sergas a finais de marzo, cando a pandemia comezou a recruar e o número de contaxios en residencias (tanto de usuarias como de traballadoras) crecía de forma importante. De feito, os falecementos de maiores usuarias de residencias superan o 40% do total de mortes polo coronavirus na Galiza.

Política Social confirmou que esta residencia integrada chegou a acoller a 74 anciáns afectadas pola COVID-19. Aquelas que se foron recuperando foron sendo trasladadas de volta ás súas residencias de orixe.

Porén, aínda que a residencia quedou sen usuarias, non se clausurará, senón que permanecerá aberta e a disposición do sistema sanitario por se fose necesario trasladar novamente a algunha persoa maior contaxiada.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/residencia-integrada-porta-do-camino-fica-baleira-apos-saida-ancians-traslado-ao-hospital/20200522182243098209.html


© 2020 Nós Diario