Acordos de goberno

O PSdeG buscará pactos coa esquerda e chama a expulsar a Baltar

A executiva do PSdeG acordou buscar pactos só coas forzas da esquerda para permitir gobernos “de progreso” e impedir que o PP goberne alí onde os votos non lle cheguen. Caballero apelou a Ciudadanos a non ser muleta de Baltar na Deputación. José A. Quiroga e Dolores Villarino liderarán as negociacións.

Executiva do PSdeG
photo_camera Executiva do PSdeG

Só coas forzas do campo da esquerda está disposta a executiva do PSdeG a chegar a acordos para permitir “gobernos de progreso” e impedir que o PP teña alcaldías alí onde os votos non lle sexan suficientes.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou as forzas progresistas para “dar resposta ás demandas da cidadanía" que esta expresou nas urnas o desexo de contar con gobernos de "progreso" á fronte dos concellos de Galiza.

Gonzalo Caballero, apelou as forzas progresistas para “dar resposta ás demandas da cidadanía"

O órgano executivo do PSdeG analizou o PP como unha forza política que perde “a centralidade e a credibilidade en Galiza de poder representar a maioría”, afirmou Caballero, quen asegurou estar preocupado polos acordos que Pablo Casado, coa aprobación de Feixoo, chegue coa ultradereita.

José A. Quiroga e Dolores Villarino liderarán as conversas

As persoas encargadas pola executiva do PSdeG para liderar as conversas sobre pactos serán o secretario de organización, José Antonio Quiroga, e a responsábel de política municipal e expresidenta do parlamento Dolores Villarino. Caballero sinalou que nas negociacións o PSdeG situará os intereses xerais “por riba” de calquera interese particular.

Expulsar a Baltar da Deputación

O PSdeG comprometeuse a traballar para posibilitar un goberno de progreso tanto na cidade como na deputación de Ourense

En canto á perda da maioría absoluta de Baltar en Ourense e a posibilidade dun pacto a catro para expulsar o PP da institución provincial, Gonzalo Caballero fixo un chamamento a Albert Rivera para "abrir as xanelas" da Deputación de Ourense e non ser "o bastón de apoio do caciquismo". O PSdeG comprometeuse a traballar para posibilitar un goberno de progreso tanto na cidade como na deputación.

Toca por tanto, segundo as palabras de Gonzalo Caballero, airear esa institución na que a política pola que foi inhabilitado Xosé Luís Baltar tivo continuidade na figura do seu fillo, Manuel Baltar. Persisten, dixo, “o mesmo modelo político clientelar, coas mesmas eivas e os mesmos vicios”, polo que urxiu “alternancia”.

Comentarios