Imprimir

Á procura da memoria fuxida dos republicanos

Redacción | 29 de xaneiro de 2019

Imaxe do 'Novo Emden'. Foto: novoemden.blogspot.com
Imaxe do 'Novo Emden'. Foto: novoemden.blogspot.com

En agosto de 1937, mentres Atila asolaba Galiza, 18 homes embarcaron no pesqueiro Novo Emden -13 metros de esolara- e fuxiron do Grove. Aquilo que aparentaba unha saída á costeira do bonito acabou nun extraordinario periplo. Recupérao o documental O Novo Emden. Unha vila desmemoriada á caza dos seus recordos, que se proxecta este 31 de xaneiro no Museo das Peregrinacións de Compostela.
 

O acto, organizado pola asociación cultural O Galo, será ás 19.45 e nel participará o director do filme Marcos Gallego, a súa guionista Comba Campoy e máis o membro do Galo Xesús Domínguez. “Esta obra é un exemplo de recuperación da nosa memoria histórica ao visibilizar como un fato de mariñeiros do Grove chegou a Bretaña, logo a Inglaterra, Cuba e Estados Unidos”, sinala a asociación cultural.

 

O traballo de Gallego data de 2007. Segundo os seus autores, a historia só a lembran no Grove “polo testemuño de Juan Aguiño Picán”, recollido nas súas memorias. “Mais nelas hai moitos cabos soltos que se procuran atar a través das preguntas que, para este documental, facemos a varios veciños da vila”, indican os autores da fita.

 

Para O Galo, O Novo Emden -que dura uns 60 minutos- supón “o rescate dun dos feitos da Longa Noite de Pedra que ate hai pouco permanecía agachado”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/procura-da-memoria-fuxida-republicanos/20190128111508075526.html


© 2020 Nós Diario