Imprimir

5-A: PPdeG perdería a maioría absoluta e dependería de Vox para gobernar

Redacción | 12 de febreiro de 2020

Imaxe dunha sesión no Parlamento da Galiza
Imaxe dunha sesión no Parlamento da Galiza

O ‘Galaicopanel’ de Electomanía sitúa o BNG como terceira forza, con 11 representantes. PP obtería 37 deputados e precisaría o escano que este traballo outorga a Vox para ter a maioría absoluta.

O Partido Popular perdería 4 representantes o 5-A, pasando de 41 a 37 escanos e ficando sen maioría absoluta para gobernar en solitario. Este é un dos datos que ofrece o ‘Galaicopanel’ de Electomanía, un portal que elaborou un barómetro sobre as elección galegas en base a 3.000 respostas e resultados históricos previos destes comicios. As populares rexistrarían un apoio de 41%, 6 puntos por baixo dos que acadaran hai catro anos.

En base a este traballo, o PSdeG obtería 19 representantes, 5 máis que os que ten actualmente, ao lograr 22,4% dos apoios. O BNG situaríase como terceira forza. Con 11 cadeiras no Parlamento galego e un apoio de 15,4%, o que supón 5 deputadas máis e un incremento no apoio de 7 puntos.

O ‘Galaicopanel’  outorga 7 escanos a Galicia en Común e 0 a En Marea. O espazo político que concorrera en 2016 como ‘En Marea’ atinxiría en base a este traballo unha menor representación, caendo de segunda a cuarta forza e perdendo 7 representantes.

Vox obtería 1 deputado no Parlamento galego, segundo este barómetro. Un representante que será decisivo pois é a chave que permite ao PPdeG gobernar. Desde a formación ultra xa se ten indicado que non ían ser impedimento para que Feixoo recuncase e frear un Executivo de esquerdas e con nacionalistas.

O Galaicopanel outorgaba, nas súas predicións de decembro, 4 escanos a Vox nunhas eleccións galegas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/ppdeg-perderia-maioria-absoluta-dependeria-vox-gobernar/20200212100140091237.html


© 2020 Nós Diario