Unha sala compostelá proxecta seis obras centrais do italiano

Pasolini volve ao cinema na Galiza

Pier Paolo Pasolini (Boloña, 1922-Roma, 1975) non foi unicamente un cineasta. Impresionante poeta, narrador de primeira orde, intelectual combativo de militancia marxista, a súa figura marcou o pasado século en Italia. Mais as películas foron, talvez, as súas intervencións de maior repercusión no espazo público. A sala Numax, en Compostela, recupera seis pezas fundamentais da súa filmografía.
Gramsci_Pasolini
photo_camera Icónica foto de Pasolini ante a tumba de Antonio Gramsci, no Cemiterio Acatólico. Foto: cedida.

O ciclo, que comezará a vindeira terza feira, 17 de setembro, está formado por obras significativas das diversas etapas do seu cinema. Acattone (1961) será a primeira. Longametraxe debut do autor, válese dunha especie de neorrealismo serodio para amosar, con empatía e compromiso, a vida das periferias urbanas na longa posguerra italiana.

Pajaritos-y-pajarracosO evanxeo segundo Mateo (1964) proxectarase o 17 de setembro. Este filme reconstrúe a cida de Xesucristo. Poético e belísimo, no seu día discutido polos sectores máis reaccionarios da Igrexa, foi tamén un intento de estabelecer diálogo co cristianismo -acababa de morrer o Papa Xoán XXIII, símbolo de certo aperturismo católico- desde as posicións comunistas de Pasolini. A seguir, o 15 de outubro, será a quenda de Paxariños e paxarolos (1966), cómico e mesmo surrealista axuste de contas marxista.

Teorema (1968) é talvez a fita máis representativa do período lingüisticamente máis experimental do cineasta. É unha feroz crítica da burguesía no tempo en que o propio Pasolini, tamén ensaísta agudo e valente, detectou unha “mudanza antropolóxica” do pobo italiano. A proxección será o 29 de outubro.

Os dous últimos pases do ciclo Foco Pier Paolo Pasolini corresponden a dous títulos da chamada Triloxía da Vida, O decamerón (1971) e Os contos de Canterbury (1972), que estarán na pantalla de Numax o 5 de novembro e o 3 de decembro respectivamente.

Nota: fotograma de Paxariños e paxarolos (1966).

Comentarios