Galaxia recupera o seu guión sobre o Camiño de Santiago

Otero Pedrayo, cineasta

Só o que a investigadora Laura Tato Fontaíña describe como “desinterese dos galeguistas desta época polo cinema” opacou as intensas, promiscuas, relacións de Ramón Otero Pedrayo coa arte por excelencia do século XX. O rescate dun seu guión sobre o Camiño de Santiago volve colocalas en primeiro plano.
 

ramón Ootero pedrayo
photo_camera O escritor Ramón Otero Pedrayo. Foto: cedida.

“Fai oito días, Otero Pedrayo leunos o guión cinematográfico que por encárrego de Césareo González fixo sobre o tema do Camiño de Santiago. Fixo unha cousa de gran alento poético, pódese decir que un gran poema”, escribía Ramón Piñeiro nunha carta enderezada a Fermín Penzol o 26 de novembro de 1952. Había cinco anos que o autor do Señorito da Reboraina (1960) recuperara o contacto co actor e antigo militante das Irmandades da Fala José Rodríguez de Vicente, Joselín, asalariado de Suevia Films. Foi el quen lle propuxo o traballo, agora publicado pola Editorial Galaxia co título de Camino de Santiago. Guion para una película.

camino de santiago - ramón otero pedrayo

A elaboración do texto decorreu en 1952. Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – 1976) saía do túnel da Guerra Civil e a posguerra -en represalia polo seu galeguismo e implicación republicana perdera o posto como docente- e era catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago. A finais daquel ano, algunhas persoas achegadas xa o coñecían. Unha lectura diante de 25 persoas na casa de Domingo García-Sabell resultara na “celebración do texto”.

Laura Tato Fontaíña rastrea, nunha extensa e documentada introdución ao volume de Galaxia, o destino do roteiro de Otero Pedrayo, nunca realizado en forma de filme. Malia que Cesáreo González, o promotor da histórica Suevia Films, falaba de comezar a rodar “esta grandiosa película” en abril de 1953 e cualificaba ao guionista de “una [sic] de los más grandes intelectuales hombres de nuestra España”.

Para evitar a censura, Rodríguez de Vicente -enlace entre escritor e empresa produtora- comunicouse directamente con Javier María Echenique, “Secretario Nacional de la Propagación de la Fe”. Este amosouse interesado “desde el punto de vista posible de propaganda”. Pero, tal e como consigna a profesora Tato Fontaíña, “no guión de Otero non había absolutamente nada” que puidese servir á ditadura franquista. Echenique centrouse, daquela, na crítica estética e económica.

“As razóns que daba eran do seguinte teor”, recolle Tato, “ que uns custos para Suevia Films de máis de 500 millóns de pesetas; que o cinema debía ser anécdota intranscendete e sinxela e que no texto de non había unha liña argumental central sen desvíos; que o cine debía estar dirixido ao gran público e este guión parecía estar dirixido a universitarios e profesores eruditos; e que era imposíbel meter todo o que contaba en hora e media de película”. O filme, en efecto, nunca se materializou. Ou, de facelo, atópase en paradoiro descoñecido.

Documental e ficción


Segundo as indicacións de Otero Pedrayo, Camino de Santiago era un documental ficcionado. Protagonizado por unha parella de personaxes, Helena de Rethel e Daniel, estrutúrase en cinco partes. Iníciase coa súa presentación, logo narra a súa viaxe de París a Compostela, na parte central ocúpase dunha noite na capital galega, describe a “conversión á fe xacobea” dos protagonistas e remata. Entre a historia e a lenda,  entre a fantasía e o real, o filme respondía ás teoría do escritor sobre a arte do cinematógrafo.

“Consideraba necesario distinguir o 'cine puro do cine de reprodución”, lembra a tamén editora do documento -conservado no legado de José Rodríguez de Vicente-, “dos produtores deste último, do cinema de reprodución ou comercial, pensaba o mesmo que dos tendeiros e burgueses do século XIX”. Atribuíalles “o gran demo da ambición burguesa”. Suevia Films, a empresa que lle encargou o labor, dedicouse ao cinema de explotación, pero tamén puxo a súa maquinaria ao servizo de pezas da resistencia interior, como Morte dun ciclista (1955), de Javier Bardem.

O que fica claro no prólogo de Laura Tato é, en calquera caso, a atención de Ramón Otero Pedrayo ao celuloide. Valorábao cando outros intelectuais, coetáneos, non acababan de comprender a súa importancia. “Charlot fixo mási que centos de sonados discursos e de pechadas columnas de manifestantes pola redención deos humildes”, chegara a escribir en castelán na súa Historia universal da arte.

Comentarios