O Teatro das Marionetas do Porto chega a Lalín no seu 25 aniversario

Cando se cumpre o 25 aniversario do seu nacemento e a poucos días de teren inaugurado o seu museo na Baixa da cidade, o “Teatro das marionetas do Porto” chega a Lalín para participar no “Titerentroido" que terá lugar dos días 9 a 12 de febreiro.
Museu de Marionetas do Porto
photo_camera Museu de Marionetas do Porto

O “Titirentroido” é a programación que cada ano leva os títeres a Lalín por volta do Entroido, organizada pola compañía local Viravolta. Nesta ocasión, chegan á capital do Deza, Trompicallo, Os monicreques de Kukas e as As marionetas do Porto, unha compañía que é noticia nestes días tanto pola conmemoración do seu 25 aniversario como pola recente apertura na baixa do Porto dun museo dedicado aos monicreques. A programación desenvolverase no Museo Municipal Ramón Aller Ulloa os días 9, 10, 11 e 12 de febreiro.

En plena rúa das Flores, na zona histórica da cidade, a compañía fundada por Joao Paulo Seara Cardoso ven de abrir o Museu das Marionetas do Porto en varios andares nun prédio rehabilitado que se abriu coa mostra “Lugares de apaziguamento”. O espazo era un dos soños do creador da compañía que finou en 2010.

Os días 9 e 10 de febreiro ás 18:00 horas serán as compañías galegas as que levarán as súas obras para público infantil ao Ramón Aller Ulloa, co convite especial da compañía local Viravolta. “Xan Perillán e a maleta máxica” dos Monicreques de Kukas e “O día que chegou unha nube e choveu” de Trompicallo abrirán a programación á que se incorporará ao día seguinte a compañía portuguesa. Para o día 11 chegarán a Lalín “As marionetas do Porto” coa función para adultos “Capuchinho Vermelho XXX” ás 22:00 horas e a infantil “Teatro Dom Roberto” no día seguinte ás 18:00 horas.

Comentarios