Novísimo pop galego: Independencia e melodía

Algo raro pasa raro, diría Antón Reixa, no pop de Galiza. Mandan as guitarras lixeiramente distorsionadas, as mulleres toman os instrumentos e ninguén pide permiso nin dá explicacións por cantar en galego. A independencia total, por escolla ou por necesidade, caracteriza a escena. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 284 ao respeito.

atras-tigre1
photo_camera Atrás Tigre son unha das bandas que pisan forte

1O pasado 2 de febreiro, o grupo Oh Ayatollah presentou en sociedade o seu primeiro elepé -en sentido estrito: a edición é en vinilo-, Volve a canción protesta. Sobre as táboas da Sala Capitol, en Compostela, non estiveron sos. Acompañounos unha nutrida nómina de entre a plana maior do novo, e non tan novo, pop galego: Ataque Escampe, Atrás Tigre, The Homens e Familia Caamagno. Música de guitarras en galego.

“Non sei se existe unha escena galega”, expuña Nuno, letrista e voz dos Ayatollah uns días antes daquel concerto, “mais na Galiza sempre houbo boas cancións, bos grupos e maneiras de dar a coñecer o traballo”. O son da súa banda pode sintetizar os elementos comúns desta promoción: a sombra da Velvet Underground é alongada, a lírica abandona a política directa e por veces abeira o solipsismo, unha boa melodía é a mellor recompensa do músico, as mulleres están en calquera posición. O que un día se chamou indie pop, ao cabo.

“O que eu vin na estrea do disco dos Oh Ayatollah foi un ambiente de fraternidade, e iso calma tristezas”, opina Xiana Arias. Baixista de Atrás Tigre, é ademais a directora do programa que, na Radio Galega, se ocupa destas músicas: Onda Vital. Arias lembra outras iniciativas que, en tempos, axudaron a construír comunidade pop: “No seu día pasou co Manifesto Dobarrista”. Este fora un dobre disco publicado en 2007 e no que 30 grupos homenaxeaban a prehistoria do pop galego, o cancioneiro de Andrés Dobarro Lapique.

[Podes ler unha reportaxe íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios