Imprimir

Nós Diario dá a coñecer os primeiros xornais en galego

Redacción | 23 de febreiro de 2021

Algunhas das cabeceiras que sairán no coleccionábel. (Foto: Nós Diario)
Algunhas das cabeceiras que sairán no coleccionábel. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro 2 de marzo arranca un novo coleccionábel nas páxinas de Nós Diario sobre as primeiras experiencias do xornalismo en galego. Trátase dunha achega á historia, aos contidos e ás intencións das publicacións periódicas que fixeron en tempos pouco propicios para o idioma bandeira do monolingüismo.

Os primeiros xornais en galego: 1840-1919  é o título do novo coleccionábel promovido por Nós Diario. Durante 14 entregas, entre 2 e 5 de marzo, e posteriormente, entre 16 e 31 de marzo ás páxinas deste diario van recuperar de man de Xoán Costa, Cilia Torna e  Xesús Torres a memoria das experiencias iniciais da prensa en galego. Neste sentido, Costa achégase a O Seor Pedro, O Vello do Pico Sagro, O Tío Marcos da Portela, A Monteira, O Labrego e As Burgas. Pola súa banda, Torna estuda O Galiciano, Galicia, Cencias, Literatura, Artes, A Gaita Gallega, O Novo Galiciano, A Tía Catuxa e A Voz do País. Finalmente, Torres céntrase  en O Antroido A Fuliada.

O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. e autor de varias entregas, Xoán Costa, afirma que “esta nova publicación enmárcase dentro da política de coleccionábeis de Nós Diario, que após o remate da serie dos tímpanos e coincidindo coa conmemoración da semana da prensa na aula entende que é un bo momento para facer un repaso polas publicacións en galego do século XIX”. A este respecto, Costa destaca que “a idea deste traballo pode resumirse nunha frase dunha investigación de Rosa Aneiros e Xosé López, onde afirman que “a historia dos medios impresos na Galiza é a historia dun país onde as manifestación protoxornalísticas tiveron longa historia”.

Costa pon o foco nos trazos comúns a estas publicacións. “Hai dúas ideas que están na orixe de todas elas. Reivindicar a lingua e os usos lingüísticos para calquera tema, non só presentando a lingua como manifestación literaria, senón tamén como expresión xornalística. As persoas destinatarias son as inmensas maiorías sociais, desprotexidas de información e poder, exemplificados nos labregos como grupo maioritario, as mesmas maiorías sociais ás que Rosalía lle dedica Cantares Gallegos”, sinala Costa, quen estabelece un paralelismo entre a restauración dos usos literarios e xornalísticos en galegos. “Cantares Gallegos non nace de cero, hai unha tradición anterior que Rosalía coñece e proxéctase a posteriori. O mesmo acontece con O Tío Marcos da Portela, que non é o primeiro medio galego”.  

Unha parte da corrente protonacionalista

A investigadora e colaboradora de Nós Diario Cilia Torna sitúa estas publicacións no campo do movemento rexionalista. “As publicacións que aparecen neste coleccionábel fan parte dun todo, que é a corrente protonacionalista. Neste sentido, actuaron nos seus diversos ámbitos como unha sorte de organizador colectivo, como o punto de encontro para adherentes e simpatizantes, axitando, coas dificultades que iso tiña nun ambiente tan represivo como a da I Restauración, e marcando orientacións para o seu corpo social”, destaca Torna, quen lembra que “algúns destes xornais, como O Galiciano, promoveron os propios actos de propaganda do movemento rexionalista, como o certame literario de Pontevedra, onde Murguía sinalou, por primeira vez, que Galiza ten todas as características dunha nación, polo que foi acusado por parte da prensa galega e española de separatista”.

Torna destaca a coincidencia de temas e colaboradores nestas publicacións. “Estes xornais non só partillan a lingua de expresión, senón as temáticas e colaboradores, até o punto de que autores e artigos repítense en diversas cabeceiras, cuestión lóxica se temos en conta que todas elas, con discrepancias puntuais e diverxencias, fan parte do mesmo movemento político ”, afirma Torna. Neste sentido, apunta que “amosaron uns obxectivos ben definidos de defensa das maiorías sociais galegas, concretada nos labregos, do idioma e da cultura propia do país e da Galiza como realidade diferenciada”. “Foron implacábeis na súa crítica intelixente do réxime político da I Restauración”, conclúe.

O investigador Xesús Torres Regueiro é un dos grandes coñecedores da prensa betanceira. Autor de diversos traballos sobre a mesma, ocúpase no coleccionábel das revistas O Antroido e A Fuliada. Así, en relación coas mesmas, Torres salienta que “nas publicación detéctase nidiamente, alén do carácter satírico e chocalleiro, un ton anticlerical e antitradicionalista. A ridiculización dos costumes sociais e das modas da burguesía ou a crítica a certas actitudes que considera inmorais”.

A pé de letra

As publicacións en galego do século XIX presentaron en diversos casos unha anovadora proposta estética cun espazo de relevo para o humor gráfico, como aconteceu con xornais como O Galiciano ou A Tía Catuxa, da que achegamos algunhas mostras. Ao tempo, esa vontade estética ficou clara nas propias cabeceiras das revistas, malia os seus escasos medios materiais.

Este novo coleccionábel distribúese conxuntamente con Nós Diario durante 14 entregas, entre 2 e 5 de marzo, e posteriormente, entre 16 e 31 de marzo. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/nos-diario-da-conecer-primeiros-xornais-galego/20210223162859116415.html


© 2021 Nós Diario