Albums de aquí e acolá / Guadi Galego

“Non se fixo nada semellante ao primeiro disco de Marful”

A carreira musical de Guadi Galego atravesou innúmeros territorios. Con Berrogüetto desafiou a ortodoxia folk en tres discos cruzados de impoluto jazz nórdico e torsións harmónicas. Co guitarrista da banda, Guillerme Fernández, afondou en melodías pop acústicas: Espido chamouse o proxecto. Na actualidade desenvolve pop de autora con vocación de maiorías e letras nada inocentes.

Guadi Galego
photo_camera A cantante Guadi Galego. Foto: cedida.

marful (2006)

“O primeiro disco de Marful é un disco moi importante para a música contemporánea de Galiza”, argumenta para Albums de aquí e acolá. Publicado en 2006, o debut do cuarteto de Ugia Pedreira, Marcos Teira, Pedro Pascual e Pablo Pascual adentrábase en rexións pouco exploradas da música galega.

“Dende a tradición, facían música de autora”, reflexiona, “en que todos os textos eran da propia Ugia”. Guadi Galego traballou con Pedreira -e o pianista jazz Abe Rábade- en Nordestin@s, que nun único traballo editado en 2006 revisaron a tradición músical mariñeira. Pero Marful, segundo Galego, ían máis alá: “Non se fixo nada semellante en todo o Estado”.

Porque Marful, engade, remitían ás músicas máis urbanas do folclore galego. A memoria das bandas de música, dos salóns de baile e das verbenas elegantes delimitaba a proposta da banda. Por vías análogas transitaron despois algúns dos reintérpretes máis agudos do plural patrimonio da música galega: Linho do Cuco ou Caxade, por caso.

josé afonso - enquanto há força (1978)

Preguntada por un disco internacional, Guadi Galego escolle “un referente histórico, musical e ideolóxico”: José Afonso, o Zeca. Mais non opta por aquel que “tivo máis repercusión en Galiza”, en referencia a Cantigas do Maio (1971). A cantante de Cedeira prefire Enquanto há força (1978).  

“Este elepé é dos meus favoritos do Zeca. Trae Um Homem Novo Veio da Mata e contén uns ritmos moi particulares”, esténdese. José Afonso experimentaba con estruturas africanistas: a lírica da obra é en boa medida unha celebración anticolonial. E as promesas da Revolução dos Carvos, malias as viravoltas e a reaccón de finais do 75, aínda estaban na orde do día.

Comentarios