A fundación Right Livelihood entregou esta cuarta feira, 4 de decembro, en Estocolmo os chamados premios Nobel Alternativos, que nesta edición fixeron catro décadas.
As e os galardoados deste ano foron a activista sueca contra o quecemento global Greta Thunberg; a defensora saharauí dos dereitos humanos e oposta á ocupación marroquí Aminatou Haidar; a avogada chinesa polos dereitos das mulleres Guo Jianmei, e o líder indíxena Davi Kopenawa xunto á Asociación Yanomami Hutukara, que defende a biodiversidade da Amazonia e os dereitos dos pobos orixinarios do Brasil.
Dúas das premiadas non estiveron presentes no acto, Thunberg -presente na COP25- e Guo, que non deu detalles sobre os motivos da súa ausencia. Elas dúas e mais Haidar e Kopenawa recibiron un millón de coroas por cabeza (uns 94 mil euros) para usar nas súas respectivas causas. Ademais, tamén lles foi entregada unha escultura feita para a ocasión polo británico Tony Cragg con metal fundido de armas ilegais decomisadas no Salvador.
AWARD WEEK DAY 1️⃣0️⃣
— Right Livelihood Foundation (@rightlivelihood) December 4, 2019
TODAY IS THE DAY! Celebrate with us the amazing achievement of the 2019 #RightLivelihoodAward Laureates:
➡️ @AminatouHaidar
➡️ Davi Kopenawa / @Hutukara
➡️ Guo Jianmei
➡️ @GretaThunberg
Follow it LIVE at 19:30 (CET) ➡️ https://t.co/MTHfmDuCLK pic.twitter.com/ISJBM5vEUc
No seu discurso en árabe, Haidar dixo que “nos están a empuxar a renunciar á loita pacífica porque non nos deixan outra saída”, e engadiu que o que máis teme é “que os saharauís se vexan forzados a tomar as armas de novo para defender os seus dereitos por mor da indiferenza da comunidade internacional”.
Tamén apelou a comunidade internacional Kopenawa, para forzar o Goberno brasileiro a expulsar de forma “urxente” os garimpeiros (buscadores de ouro) e a delimitar as terras doutros pobos orixinarios, como fixera no seu momento cos yanomami. “Invaden e esnaquizan a nosa terra, contaminan os nosos ríos e matan os nosos peixes co seu mercurio. Estamos a morrer, enfermar de malaria, tuberculose, oncocercose, cancro, gripe, sarampelo e enfermidades de transmisión sexual”, denunciou en lingua yanomami.
Rexeitamento da Fundación Nobel
O ex eurodeputado sueco-alemán Jakob von Uexküll, ─pai do actual director da fundación, Ole von Uexküll─ foi quen instituíu os galardóns en 1980, un ano despois de que a Fundación Nobel rexeitase a súa idea dun premio ambiental e outro que promovese o coñecemento nos países pobres. Para os financiar, Uexküll doou a súa colección persoal de selos, valorada nun millón de dólares.