Unha mostra e un documental retratan Maruxa Seoane na Fundación Granell

O Museo de Pontevedra ofrece visitas guiadas virtuais nas segundas feiras
Maruxa Seoane (Imaxe: Fundación Luís Seoane).
photo_camera Maruxa Seoane (Imaxe: Fundación Luís Seoane).

María Elvira Fernández López (A Coruña, 1912 - 2003), Maruxa, foi compañeira inseparábel de Luís Seoane até a morte deste en 1979, cando decide dedicarse a recuperar e agrupar o legado de Seoane nun proceso coroado en 1996 co nacemento da Fundación Luís Seoane na Coruña.

Desde hoxe, o museo Euxenio Granell de Compostela acolle unha exposición dedicada a figura de Maruxa Seoane comisariada polo artista e profesor da arte Juan de la Colina. A mostra nace da vontade de renderlle homenaxe, visibilizando e recoñecendo o seu labor máis alá da visión da súa figura como 'muller de artista'. 

As dimensións de Maruxa Seoane emerxen nesta escolma de óleos, fotografías, obra gráfica e documentación diversa e varias testemuñas.

Muller do seu tempo, o seu retrato é o dunha persoa cunha vocación de servizo á cultura galega partillada man a man con Luís Seoane, do que foi correctora de probas de todos os proxectos editoriais desde 1942, alén de axudalo noutros moitos ámbitos.

A exposición inclúe ademais, nun espazo creado para a ocasión, un documental dirixido por Juan de la Colina, que ilustra e reflexiona acerca da figura de Maruxa Seoane

A porta fechada

En Pontevedra, o Museo organiza unha serie de visitas guiadas virtuais a partir da vindeira semana. Baixo o título "A porta gechada", as expertas e expertos da institución farán de guías en vídeos partillados nas redes sociais cada segunda feira.

Como destaca a Deputación de Pontevedra, é precisamente nese día cando o museo fecha ao público, que poderá seguir gozando do seu patrimonio desde os seus fogares.

O Retablo de Santa María; Epílogo, de Eliseo Meifrén; Recollendo follas, de Manuel Colmeiro; Estela de Vilar de Sarria;  Virxe nova e virxes vellas de Roberto González del Blanco, ou a colección Sargadelos centrarán as primeiras entregas desta nova sección. 

Nos pasados meses de confinamento, a institución afondou na súa oferta virtual. As sesións de contacontos ou O Museo en Familia foron algunhas delas, dirixidas neste caso á rapazada. 
 

Comentarios