Martiño Vázquez Mato. Candidato por Ourense en Común á alcaldía

"Necesitamos fuxir da dependencia do sector servizos e fomentar outros sectores estratéxicos"

Martiño Vázquez Mato é o candidato á alcaldía da cidade das Burgas por Ourense en Común. Defende o municipalismo e os concellos como espazos onde atender as demandas da rúa e onde introducir outra forma de facer política, poñéndoa “ao servizo de” e non “en beneficio de”, sinala neste cuestionario que respondeu a través do correo electrónico.

Martiño Vázquez Mato Ourense en Común
photo_camera Martiño Vázquez Mato

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Podería resumirse en que todo segue igual que en 2015 pero máis vello. Foi un mandato de maltrato continúo á cidade, ao medio e á veciñanza. Perdemos catro anos. Houbo quen estivo encantado coa súa xestión. Empresas que prestando un servizo precario cobraron moi ben. Especuladores que agora pagan menos impostos e teñen as súas demandas recollidas nun PXOM aprobado a porta pechada. Mesmo bancos aos que se lles pagou toda a débeda municipal.

O Partido Popular non terá xa débedas con bancos pero si coa veciñanza.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Jesús Vázquez comprometeuse hai catro anos con miles de veciñas en mellorar a súa calidade de vida e coidalas, a elas e a propia cidade. Catro anos despois os datos demostran que incumpriu a súa palabra. Mentres amortizaba débeda rebaixaba en seis puntos o investimento real do concello de Ourense. Puxo por diante o pago de débeda aos bancos que os parques, melloras nos barrios, no transporte, nos servizos públicos... O Partido Popular non terá xa débedas con bancos pero si coa veciñanza.

E o traballo realizado polo seu partido?

Foi construtivo. Fixemos o mesmo ou máis que outros grupos tendo a metade de representación. Presentamos máis de 140 iniciativas a pleno das que o goberno fixo caso omiso. Fiscalizamos o labor do goberno coma ninguén, indo incluso á xustiza se era necesario, e traballamos moitísimo na presentación de melloras a ordenanzas e propostas recollidas nos barrios ou por colectivos e plataformas. Sempre cedemos o noso micro a quen o necesitase e sempre apoiamos iniciativas que cremos que son boas para Ourense, independentemente de quen as presentase. Ourense en Común non é un partido, e aí é onde está a diferenza.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

O primeiro e máis importante porque condiciona o resto é o desemprego. A debilidade do noso tecido económico non xera suficiente emprego e obriga a xuventude a marchar. A tendencia é que na próxima década no municipio de Ourense baixemos dos 100.000 habitantes. Isto resta activos e capital humano para transformar Ourense nunha cidade mellor que coide e atenda as necesidades de todas as persoas. Hoxe en día a situación é de semi abandono, e sófreno por igual os servizos municipais, as persoas e os propios barrios.

O primeiro e máis importante porque condiciona ao resto é o desemprego

No primeiro trimestre de 2018 a provincia de Ourense contaba con 130.000 persoas activas, porén no cuarto eran xa 900 persoas menos (129.100 persoas). Indicadores negativos igualmente visíbeis na taxa de actividade (47,7%) e na taxa de ocupación (41,5%), sendo ambas as máis baixas de España e moi lonxe da media galega (53,0% e 46,6% respectivamente). É preciso reverter esta situación.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Un plan de emprego municipal, con partida orzamentaria propia e recorrente, enfocado aos colectivos de maior risco dentro da cidade, mulleres, mocidade e maiores de 50 anos. O desemprego é un problema real en Ourense, de feito, é en todas as enquisas de percepción cidadá a primeira preocupación para a veciñanza.

Urxe a aprobación dun Pacto Local polo Emprego, en colaboración con entidades do tecido económico e social de Ourense

Urxe a aprobación dun Pacto Local polo Emprego, en colaboración con entidades do tecido económico e social de Ourense, para favorecer a creación de emprego estábel e de calidade no noso municipio. Malia as reducidas competencias que a administración local ten en materia laboral son posíbeis, urxentes e necesarias medidas de activación do emprego.

Necesitamos fuxir da dependencia do sector servizos e fomentar outros sectores estratéxicos nos que a administración local ten moito que facer: recuperación do sector primario co impulso da nosa IXP, apoio á innovación por exemplo impedindo a deslocalización do mestrado de aeronáutica, cambio radical no enfoque termal mirando este como un recurso para o desenvolvemento económico sustentábel local (xeotermia, cosmética...) e non só como augas de baño.

Comentarios