Manuel Vilar e Xan Fernández Carrera

Manuel Vilar e Xan Fernández: “A fundación dun mosteiro daba prestixio social e ao mesmo tempo levaba implícito un control do territorio”

Manuel Vilar é antropólogo e Xan Fernández Carrera é mestre. Os dous prepararon para Nós Diario os fascículos correspondentes a San Xiao de Moraime e Santiago de Cereixo para Os tímpanos medievais da Galiza

mANUEL vILAR E xAN fERNÁNDEZ
photo_camera Manuel Vilar e Xan Fernández (Foto: Nós Diario)

Moraime, esplendor románico na Costa da Morte é o título do seu traballo. En que elementos se concentra ese esplendor?

Calquera visitante que se achegue a Moraime e observe a súa igrexa, deseguida se decata que non está diante dun templo románico dunha simple parroquia da Galiza rural, tanto no que respecta ao exterior coma ao interior.

Pois vaiamos por partes...

Na parte externa quizais o máis salientable sexa a gran altura que acada na súa cabeceira e a grandiosidade da capela maior, en contraste coa altura da fachada, provocada polo enterramento desta parte occidental por mor do pronunciado desnivel do terreo. Sobresaen tamén os contrafortes da parte norte, unidos por unha arcada, de influencia compostelá. Pensamos que tamén son excelentes as portas occidental e sur, a primeira protexida por un pórtico, e a segunda,  coa súa profusa decoración.

E no interior?

Se entramos no interior do templo, logo de descender dous tramos de escaleiras, vemos esa grandiosidade na altura e amplitude das súas tres naves, na variedade decorativa de todos os capiteis e nas pinturas góticas coa representación dos sete pecados capitais do muro norte. E non podemos esquecer o importante papel xogado por este mosteiro na organización deste territorio no medievo e da relación con Compostela.

Moraime ten dúas portadas, a occidental e a sur. Cal é, do ponto de vista do programa iconográfico románico, o interese dunha e outra?

O interese da porta occidental destaca pola decoración de todos os seus elementos que a forman, pero é de salientar a decoración das súas estatuas-columna coa representación de personaxes do antigo e novo Testamento, aínda que difíciles de identificar pola ausencia de detalles máis concretos das imaxes. Resaltan tamén os capiteis con varias ordes de follas, entre as que se agochan algúns rostros, tipo Green Man.

E da porta sur?

A porta sur está considerada como unha das máis fermosas da nosa arte románica pola súa riqueza decorativa, mais tamén pola singularidade dalgúns dos seus elementos. De termos que destacar algúns deles, inclinaríamos polos capiteis e polo tímpano con figuración por ambas caras. Na exterior represéntase a Última Cea, un motivo moi pouco frecuente na arte románica, e na interior, un Agnus Dei, moito máis común.

Na arquivolta interior da porta occidental de Moraime falan vostedes dun fallo de deseño. Non se teñen dado outras interpretacións?

Non temos noticia de que se desen outro tipo de interpretacións a esa doela de menor tamaño. Todo apunta a un erro no cálculo, corrixido coa colocación desa peza de menores dimensións que destaca con respecto ás demais. Entendemos que o mestre canteiro optou por colocar na clave do arco dúas pezas de diferente tamaño, en lugar dunha soa de maiores proporcións que tamén desentoaría respecto ás demais. Nas dúas arquivoltas superiores tamén vemos pezas de tamaño desigual pero non coa suficiente desproporción para captar tanto a atención do observador. 

En máis dun fascículo dos que levamos publicados faise referencia á posíbel orixe "laica" de igrexas e mosteiros. E, por exemplo, Santa María de Cambre tamén se pon como unha fundación, ou polo menos moi relacionada, cos Traba, igual que Moraime. Tratábase de gañar, ou polo menos de se achegar algo máis ao ceo ou era unha maneira efectiva de controlar o territorio?

Que a advocación orixinaria fora Xulián e Basilisa leva a pensar nunha posible orixe como mosteiro patrimonial. Mais o que si é certo e claro é a relación de Moraime coa familia dos Traba, unha relación moi patente, pois Pedro Fróilaz de Traba elixiu este mosteiro muxián para que o seu abade Ordoño e os monxes que o acompañaban protexesen e educasen durante un tempo o infante Afonso Reimúndez, o que sería o futuro Afonso VII.

Con respecto á pregunta formulada, pensamos que por parte da nobreza se daban ámbalas intencións. A fundación dun mosteiro daba prestixio social diante dos seus semellantes, permitía soterrarse nunha lugar privilexiado para acadar a prometida vida do Máis Alá, pero ao mesmo tempo levaba implícito un control do territorio por parte desa comunidade relixiosa que era fiel e sentíase eternamente agradecida a ese señor feudal.

Cereixo presentásenos como unha portada única no románico. En que consiste esa singularidade?

A singularidade da porta sur da igrexa de Santiago de Cereixo achégalla a imaxe que se representa no seu tímpano, porque non existe unha representación da translatio en ningunha outra construción en Galiza, tan só temos constancia desa lenda da translación do corpo do apóstolo Santiago nunha moeda que apareceu na necrópole de Adro Vello, no concello do Grove, datada no reinado de Fernando II (1157-1188), polo tanto, anterior á representación de Cereixo. Fóra de Galiza existen tamén só dúas mostras desta imaxe, unha na colexial de Tudela e outra na catedral de Lleida.

Demostrada a súa peculiaridade, quedaría por dar resposta á seguinte pregunta: cal foi o motivo de realizar esta representación da translatio nunha pequena igrexa coma esta de Cereixo, tan afastada da cidade de Santiago de Compostela?  Tería algo que ver co que este lugar fose un antigo porto polo que entrarían algúns  peregrinos procedentes do norte de Europa? Esta hipótese expúxoa o historiador Xosé Mª Lema Suárez nun dos seus artigos

Estaría relacionada coa advocación do patrón desta parroquia? Non temos aínda resposta para ese interrogante.

É frecuente a asociación a estes santuarios de lendas, ou mesmo milagres. Por estes fascículos xa pasaron as formigas de Eiré, o oso que preservou o mosteiro de Oseira dos ataques de Alonso de Lanzós e agora, en Cereixo, o rego dos Mortos e o Santiago Matamouros. Como é esta historia?

As lendas asociadas aos restos históricos son moi frecuentes no noso país, sobre todo cos da cultura megalítica e castrexa ou da Idade de Ferro, pero tamén as atopamos en construcións medievais como fortalezas ou castelos e mesmo en igrexas románicas como se pode ver nos anteriores exemplos, o motivo sería explicar dunha maneira popular feitos dos que se descoñece a explicación real. O do rego dos Mortos podería corresponderse co feito de que o río de Carnés na súa desembocadura pasa a carón da igrexa de Cereixo, na que se sitúa tamén o cemiterio da parroquia, non obstante, a versión lendaria relaciona este nome coa morte dos mouros da nosa mitoloxía levada a cabo polo apóstolo Santiago montado a cabalo, un xeito de enxalzar a figura do patrón da parroquia. Unha lenda do mesmo estilo foi recollida na parroquia de Santiago da Ameixenda (Cee). Igualmente podemos entendelas como relatos fundacionais da comunidade.

Tamén en Moraime existe a lenda de que a igrexa foi construída polos mouros en tres días e tres noites, o feito de atribuírlle a estes seres míticos o levantamento deste templo xa expresa a súa grandiosidade, xa que a súa construción non se lle atribúe ás persoas porque estas teñen unha forza e un poder  limitados, ao contrario do que sucede cos mouros míticos que poden realizar obras grandiosas polos seus poderes sobrenaturais.

Finalmente, falan vostedes de grandes semellanzas construtivas e decorativas non só entre Moraime e Cereixo senón entre varias igrexas da Costa da Morte. A que atribúen esas semellanzas

As semellanzas que existen entre algunhas igrexas románicas da Costa da Morte, sobre todo as situadas na contorna da ría de Camariñas, son explícitas tanto nos elementos construtivos coma na parte decorativa. Estudosos deste románico como José Ramón Ferrín González expresan a existencia de trazos comúns en varios aspectos nas igrexas de Cereixo, Xaviña e Leis; ou a relación que se dá entre as portas sur de Cereixo e  Moraime. Segundo el habería como dous mestres ou obradoiros distintos traballando nestas construcións. Un encargaríase das obras daquelas tres igrexas, agás a porta sur de Cereixo, que sería executada polo mesmo obradoiro que traballou na de Moraime.

Podemos deducir que aquí son máis evidentes que noutras comarcas da Galiza?

Nós pensamos que a transmisión de solucións arquitectónicas e de motivos decorativos nas nosas igrexas románicas se estenderían por toda Galiza, sobre todo a partir do foco de irradiación da catedral compostelá, pero tamén habería centros secundarios que influíron en determinadas zonas ou comarcas e Moraime sería un deles.

O maior foco de influencia no románico da Costa da Morte foi se dúbida Compotela e iso percíbese, por exemplo, nos contrafortes unidos por arcos do muro norte de Moraime; nos arcos triunfais dobrados de Cereixo, Leis e Xaviña ou nas fiestras de arcos lobulados destas dúas últimas, pero tamén na decoración vexetal dos capiteis de moitos dos templos da zona. Seguramente que Moraime tamén influíu en construcións da contorna como por exemplo en santa Locaia de Frixe.

Comentarios