Máis de 40 concellos do Eixo Atlántico posiciónanse a favor da transferencia da AP-9 a Galiza

O BNG propón que sexa o Parlamento quen presente recurso perante o Tribunal Constitucional contra o veto do Congreso a debater o traspaso.

AP9
photo_camera AP9

Un total de 42 concellos do Eixo Atlántico galego posicionáronse a prol do traspaso da A-9 a Galiza, entre eles cidades como Pontevedra, Compostela, A Coruña e Ferrol. Os plenos municipais destas máis de corenta vilas e cidades aprobaron mocións nese sentido, avogando pola trasferencia a Galiza dunha infraestrutura chave. Poio, Padrón, Rianxo, Sada, Ponteareas son outros dos municipios que fan parte desta 'fronte' polo traspaso da AP-9.

Desde o BNG animouse a máis concellos e ás deputacións a se sumar a esta iniciativa. Os nacionalistas anunciaron esta cuarta feira en Pontevedra que van manter “o pulso social e institucional” en defensa da transferencia da AP9 como paso previo para acabar cunhas peaxes que considera unha estafa legal e depois do veto do Congreso a debater a lei galega que reclama esta autoestrada para Galiza. Contra este veto, o Bloque propón presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional desde a Cámara galega. “Nós dicimos con claridade: O BNG vai presentar o recurso e o que nos gustaría é que fose un recurso de todo o Parlamento para, como país, defendernos do que é un agravio e unha vulneración dun dereito fundamental”, explicou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Comentarios