A maioría do grupo Podemos-EU-Anova, partidaria dunha portavocía rotatoria

Unha portavocía "compartida" é a perspectiva máis probábel que se abre perante o grupo que, xa sen a formación de Villares no seu seo, partillarán no Parlamento galego Podemos, Esquerda Unida e Anova. A nova escadra no Pazo do Hórreo non se estreará no pleno desta semana, ao non se ter consumado aínda a constitución do grupo mixto.

Eva Solla. 9 de novembro de 2016
photo_camera Eva Solla perfílase como integrante do triunvirato de portavoces de Podemos-EU-Anova

Podemos, Esquerda Unida e Anova realizarán esta terza feira a súa primeira reunión como grupo após o desembarco villarista no mixto. Farano nalgún momento dunha mañá con pleno no Pazo do Hórreo. Na axenda, basicamente dúas tarefas: definir a estrutura do grupo (co asunto da portavocía en primeiro plano) e fixar tamén o nome da agrupación. A idea é deixar de utilizar o rótulo En Marea co que se estrearon na cámara en 2016 após concorrer con esa marca nas eleccións galegas daquel ano. En Marea é como se chama o partido de Luís Villares e non tería sentido político que aqueles que o abandonaron se enfunden esa camisola no Parlamento. Agardan para iso que os servizos xurídicos da cámara non poñan atrancos á mudanza do nome, de igual xeito que o villarismo confía en poder utilizar a súa denominación partidaria tamén no lexislativo galego, co que o mixto se rebautizaría como GM-En Marea.

Segundo puido saber Sermos, a maioría dos integrantes da tríade Podemos-EU-Anova son partidarios de estabelecer unha portavocía rotatoria. As tarefas vinculadas a esa función tamén estarían compartidas: pergunta a Feixoo, comparecencias de imprensa, xunta de portavoces... A  hipótese máis verosímil é que rotasen pola portavocía Luca Chao (Podemos), Eva Solla (EU) e Antón Sánchez, actual viceportavoz e único representante de Anova no grupo.

Na axenda da reunión de Podemos-EU-Anova, basicamente dúas tarefas: definir a estrutura do grupo (co asunto da portavocía en primeiro plano) e fixar tamén o nome da agrupación

Canto ao nome da nova agrupación, dificilmente poderá ser o de Galicia en Común —marca consagrada por Unidas Podemos na Galiza— desde o momento en que Anova, pendente de realizar a súa próxima asemblea nacional, aínda non ten decidido se se incorpora ou non a ese novo actor político.

En todo caso, a esgazadura entre villarismo e ex críticas de En Marea non se vai formalizar neste pleno. A pesar de os integrantes de En Marea partido se teren incorporado ao mixto a pasada sexta feira, a constitución do novo grupo non vai cristalizar até a última sesión plenaria do vixente período de sesións, a se realizar na segunda semana de xullo.

Xa en setembro, no próximo período de sesións, o grupo liderado por Podemos contará cun novo membro, Xan Xove, representante da Marea Atlántica, quen tomará o relevo de Flora Miranda (Compostela Aberta). Xove traballa como carteiro en Barcelona e previsibelmente pedirá a excedencia forzosa para ocupar cargo público. Farao entre outras cousas porque do contrario o escano sería para Mariló Candedo, quen se incorporaría ao mixto como quinto escano do partido En Marea.

Xa en setembro, no próximo período de sesións, o grupo liderado por Podemos contará cun novo membro, Xan Xove, representante da Marea Atlántica, quen tomará o relevo de Flora Miranda

Antes de Xove se debruzar sobre o Pazo do Hórreo, o pleno submeterá a votación esta terza feira as candidaturas para representar o lexislativo galego no Senado. Non se agardan sorpresas, así que ficarán eleitos Jesús Vázquez e Elena Muñoz (PP) e José Manuel Sande (Marea Atlántica). A proposta de Podemos-EU-Anova sairá adiante, a pesar deste grupo ser a partir de agora o terceiro na cámara, porque os servizos xurídicos do Horreo fixeron valer o criterio de que no momento (18 de xuño) en que o seu nome foi selado no rexisto do Parlamento, En Marea aínda era formalmente a segunda forza (a incorporación da formación de Villares ao mixto produciuse o 21 de xuño).

Comentarios