A Liga anunciou este domingo que se suspende de forma definitiva o partido aprazado entre Deportivo da Coruña e Fuenlabrada, polos casos de coronavirus detectados entre os madrileños. Será pois o Elxe, sexto na táboa, e non o Fuenlabrada, o que xogue o playoff de ascenso da Liga.
"Conscientes da imposibilidade de fixar unha data sequera probábel para a disputa do encontro, a Liga trasladou ao Comité de Competición o seu acordo coa suspensión definitiva do partido por causa excepcional e/ou de forza maior", apunta o organismo deportivo nun comunicado.
A Liga tamén manifestou o seu "absoluto agradecemento" ante a "xenerosidade deportiva" demostrada polo Fuenlabrada coa disposición a acollerse ao principio "procompetitione" e acatar esta decisión entre as dúas propostas: agardar para disputar o encontro á recuperación dos xogadores ou suspender o partido definitivamente. Porén, este agradecemento non impide a que Liga manteña o expediente disciplinario aberto para esclarecer os feitos.
O Fuenlabrada non renuncia ao playoff
O Fuenlabrada reaccionou a esta comunicación asegurando que non se considera "fóra" do playoff de ascenso da Liga. "Queremos aclarar que o Fuenlabrada non 'renuncia' a xogar o partido ante RC Deportivo. Mostra a súa disposición a xogar no caso de que sexa viábel cando os seus xogadores estivesen aptos", sinalou o equipo.
Apuntan neste senso que, se ben se comprometeron a acatar a decisión, a Liga non é o "órgano competente único" para determinar a suspensión do partido e dar a praza ao Elxe. "A decisión tamén está en mans do Comité de Competición da RFEF [Real Federación Española de Fútbol] e, no seu caso, do CSD [Consello Superior de Deportes]", esgrimiu o club madrileño.
Nunha comunicación anterior, o equipo madrileño insistiu en que, ante a situación creada polo brote de coronavirus, "en ningún caso" sente "responsábel" do "problema" suscitado na xornada final da Liga, co Depor descendido sen xogar e a praza de playoff de ascenso no aire.