A Liga Galega de Traiñeiras emproa a recta final coa emoción como bandeira

Samertolameu e Ares pugnan polo liderato na categoría A mentres Rianxo e Cabo B despútano na B. Na Liga ACT Tirán e Cabo manteñen posicións.

traiñeira tirán

A Liga Galega de Traiñeiras emproa a recta final da tempada e faino cun escenario aberto e emocionante, tanto na categoría A como na B. As regatas desta fin de seamana non fixeron outras cousa que manter as espadas en alto e multiplicar a emoción. Na LGT-A (11 traiñeiras) Samertolameu de Meira conseguiu imporse o sábado en Bueu mais na regata do domingo en Carril foi Ares quen ergueu a bandeira. O que mantén os dous clubs, Meira e Ares, con catro vitorias para cada un. Na Xeral, Samertolameu lidera a táboa, con 104 puntos, só 1 por diante da traiñeira de Ares, con 103. Pobra é terceira, mais xa a distancia, con 98 pts.

Na categoría B (7 traiñeiras), Rianxo e Cabo de Cruz B compiten polo liderato. Os rianxeiros van líderes con 36 puntos e 3 bandeiras e seguidos moi de perto, con 35, polos boirenses, con 2 bandeiras. En terceiro posto, a embarcación de A Cabana-Ferrol, con 29 ptos. Esta traiñeira foi a que se impuxo na proba do domingo, desputada en Redondela. A do sábado, que ía ter lugar en Mera, tivo que ser suspendida pola intensa néboa. Na Liga Feminina, Cabo de Cruz mantén liderato (6 puntos), por diante de Chapela e A Cabana.

Mentres, na Liga ACT ou San Miguel, na que compiten 12 traiñeiras vascas, galegas e cántabras, Tirán e Cabo de Cruz mantéñense na zona intermedia da clasificación, todo un mérito se temos en conta o desfase orzamentario entre os clubs galegos e o resto de competidores, por non entrar nas longas distancias que deben percorrer Cabo e Tirán para competir en boa parte das regatas, que se desputan en Euskal Herria. Na regata desta fin de semana, nas augas de Zarautz, a vitoria foi para Urdaibai, que redobra así a presión sobre os líderes, Hondarribia. Tirán finalizou quinta e Cabo de Cruz, sexta.

Na Clasificación, liderada por Hondarribia (146 ptos) e con Urdaibai pegadiños á súa popa (145 ptos), Tirán é quinta e Cabo, oitava. 

Bandeira da Deputación da Coruña

O Club de Remo de Cabo de Cruz foi o gañador da vixésimo sétima edición da Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña, celebrada esta segunda feira en augas do porto de Ares. Participaron 8 embarcacións, o segundo posto foi para Pobra e o terceiro, para Rianxo.

Comentarios