A suspensión da autonomía

Junqueras acusa Madrid de aplicar o artigo 155 mediante a intervención das finanzas do Govern

A decisión de Madrid de intervir as contas da Generalitat podería deixar o Govern sen capacidade de facer pagamentos, denuncia o vicepresidente do executivo catalán, Oriol Junqueras. O Estado xustifica este movimento co argumento de que, fechada a billa financeira, o Govern non tería recursos para organizar o referendo. Junqueras ve na intervención do Ministerio de Facenda unha aplicación do artigo 155 (a suspensión da autonomía) pola porta de atrás.

Oriol Junqueras
photo_camera Oriol Junqueras, no obxectivo dunha cámara durante unha conferencia de imprensa

A Generalitat a día de hoxe ten aínda capacidade para pagar as nóminas "aos Mossos e ao profesorado o mes que vén", resumiu a situación esta segunda feira Oriol Junqueras, mais non ten garantías máis alá dese prazo porque "non sabemos que farán eles", dixo en alusión aos políticos españois.

O vicepresident, que se pronunciou nestes termos durante unha entrevista na RAC1, puxo en destaque que o obxectivo de Montoro é "controlalo todo", o que implica "o bloqueo de todas as partidas". Destarte, Madrid estaría a utilizar a lei orzamental para a efeitos prácticos "intentar aplicar o famoso artigo 155" visando "bloquealo todo e que non podamos facer ningún pagamento".

Recurso ao Supremo


O Govern xa ten decidido recorrer a decisión de Facenda perante o Tribunal Supremo, con petición expresa de que suspenda de forma cautelar a intervención das finanzas catalás por parte do goberno español.

Sexta feira pasada, o Goberno español acordou asumir o control das partidas orzamentais da Generalitat en materias tan fulcrais como a sanidade, a educación, os servizos sociais e o pagamento das nóminas do funcionariado ao se negar o Govern a enviar un informe semanal a Facenda sobre os seus gastos.

Madrid quería ter ese informe para saber se o Govern está a destinar fondos á realización do referendo.  O Goberno estatal publicou o acordo de intervención das finanzas catalás no BOE do sábado e abriu un prazo de 48 horas para o materializar. Só o suspendería no caso de que finalmente o Executivo presidido por Puigdemont dese o brazo a torcer e adoptase un acordo de non disponibilidade orzamental para gastos non esenciais (ou sexa aqueles precisos para a organización e realización da consulta).

Comentarios