José Blanco acusa a Podemos e Ciudadanos de facilitar unha vitoria do PP

O eurodeputado do PSOE sinala as “forzas emerxentes" por "aplanar o camiño de Rajoy á Moncloa”. Pola súa banda, a cabeza de lista pola Coruña di que a formación de Albert Rivera é "o socio natural" dos populares.


O eurodeputado do PSOE, José Blanco, entrou en escena na campaña electoral do 20D. O ex ministro de Fomento arremeteu contra “forzas emerxentes como Podemos e Ciudadanos” a quen acusou de “aplanar o camiño de Rajoy á Moncloa”, segundo declaracións recollidas por Europa Press.

Blanco presentou o PSOE como única alternativa ao PP nunha eleccións “onde hai unha pulsión de cambio importante, onde a maioría de españois quere un cambio ao fronte do goberno de España”.

Blanco pediu que esa pulsión se traduza en votos para os socialistas gañar os comicios. “Hai moita xente que se sinte indignada ante a desigualdade, ante os recortes e a precariedade”, dixo o eurodeputado, que avisou do risco de “converter a indignación en frustración e resignación”, en palabras á prensa en Lugo, onde participará nun mitin electoral na Piringalla.

Cancela chama C's “socio natural” do PP

Na mesma liña falou a número 1 do PSOE pola Coruña, Pilar Cancela, durante un almorzo informativo organizado polo Fórum Europa. Cancela advertiu de que as infraestruturas galegas están “ameazadas polo futuro político”, ante un hipotético pacto entre o PP e o seu “socio natural”, en referencia a Ciudadanos. 

A cabeza de lista dos socialistas augurou que “paralizarán todas as inversións” e criticou que a formación que lidera Albert Rivera só mire “a rendibilidade presente”. Cancela considerou que este modelo “beneficia ás comunidades ricas e esquece o equilibrio territorial”. Nese sentido, dixo que “un PP débil venderá Galiza” con tal de “perpetuarse no poder”.
 

Comentarios