''Ante os incrédulos, hoxe temos contratos que aseguran traballo para o naval'' e outras frases de Feijóo sobre os floteis

En setembro de 2012, o presidente da Xunta sacaba peito e anunciaba a 'bombo e platillo' un acordo con Pemex polo que dous floteis para a para-estatal ían ser construídos en Galiza. 15 meses despois, deses barcos só hai un bo feixe de frases de Feijóo.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

“Ante os incrédulos, crimos na capacidade de Galicia. Con esa convicción, hoxe temos contratos que aseguran traballo na Ría de Ferrol e na Ría de Vigo”. Con esta frase, Núñez Feijóo anunciaba o 19 de setembro de 2012 un acordo con Pemex para construír en Galiza 2 floteis. “Un investimento de 380 millóns de dólares”, “milleiros de horas de cargas de traballo”, “milleiros de empregos”, propagaban os comunicados da Xunta de Galiza nesa xornada. O presidente presentábase como unha persoa que cumpre e logra traballo para Galiza fronte unha oposición que non sabe máis que protestar- A imaxe que gosta de dar del mesmo.

28 de setembro de 2012: “Aínda que haxa partidos aos que lles doa, o contrato cos estaleiros de Ferrol e Vigo é unha realidade”

Nese 19 de setembro, o PP de Galiza dicía na súa conta de twitter: “Hoxe @pachivazquez e @jorqueracaselas deberían falar do acordo con Pemex. Dubidaban de @Feijoo2012 e...300 MILLÓNS EN INVESTIMENTOS PARA GALICIA”. A euforia enchía tamén ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey: “Hoxe é un día moi importante para Ferrol e a súa comarca. O acordo con Pemex garante o futuro do noso sector naval”.

Sorriso pleno e peito enchido

Eran días de propaganda, Galiza estaba en pre-campaña, e a baza de Pemex permitía a Feijóo ir a Vigo e Ferrol a prometer carga de traballo e emprego en dúas comarcas malladas pola crise. O 28 de setembro, o presidente galego afirmaba, ante as dúbidas da oposición e sindicatos sobre que fosen contratos “blindados”, que a “seguridade dos contratos con Pemex para os estaleiros galegos é máxima”. E na súa conta de twitter Feijóo insistía: “Floteis en estaleiros galegos, segundo contratos, SI ou SI”.

Outubro de 2012: Pedir que se ensinen eses contratos "é a cousa de maior irresponsabilidade que vin nos 20 anos que levo adicando a isto (a política)"

A esta estratexia de ataque uniuse o dirixente do PP e presidente da Deputación da Coruña Diego Calvo que, tamén o 28 de setembro de 2012, afirmaba: “Aínda que haxa partidos aos que lles doa, o contrato cos estaleiros de Ferrol e Vigo é unha realidade”.

Anunciaba botadura dos barcos

Un día despois, o 29 de setembro, o presidente da Xunta lanzaba unha das frases máis lapidarias: "Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis". A oposición política, os sindicatos, os cadros de persoal dos estaleiros eran irresponsábeis e mesmo sospeitosos de procurar afundir o acordo don Pemex.

Outubro de 2012. Feijóo mesmo afirmou que os contratos con Pemex suporían mesmo “a apertura ao mercado mundial do petróleo” para Galiza

Xa en campaña electoral, Núñez Feijóo afirmaba (11 de outubro de 2012) que poñer en dúbida que había contratos blindados ou ben pedir que estes se ensinasen era “a cousa de maior irresponsabilidade nos 20 anos que me levo adicando a isto (a política)”.

Galiza entraría “no mercado mundial do petróleo”

Nese mesmo día, o presidente da Xunta apuntaba nun acto político que os contratos con Pemex suporían mesmo “a apertura ao mercado mundial do petróleo” para os estaleiros de Galiza.

2 de novembro de 2013: “Se Pemex non cumpre, serei o primeiro en dar explicacións”

Ao longo de todos estes meses, Feijóo insistiu en que, malia os adiamentos, Pemex cumpriría. A paraestatal mercou Barreras por apenas 5 millóns de euros, o PP comezou a cargar as culpas sobre a dirección de Navantia Ferrol e mentres centos de traballadores do naval seguían a encher as listaxes do paro.

O pasado 2 de novembro, vai para dous meses, Feijóo dicía no Parlamento de Galiza: “Se Pemex non cumpre, serei o primeiro en dar explicacións”. En Ferrolterra hai miles que agardan por elas.


 

Comentarios