Tino Fernández, candidato á Alcaldía de Pontevedra polo PSOE

“Impulsarei unha mesa de negociación sobre o futuro de Ence”

Avogado de profesión, Tino Fernández (Pontevedra, 1961), afiliouse ao PSOE en 1990 e foi edil no Concello de Pontevedra en diversos mandatos (o primeiro deles entre 1995 e 1999, sendo alcalde Juan Luis Pedrosa). Tras a demisión de Guillermo Meijón, deu o paso para optar á secretaría xeral da Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra. Moi vencellado ao mundo do deporte, en especial ao balonmán, chegou a ser voceiro da xestora do Teucro. Responde este cuestionario vía correo electrónico.

Tino
photo_camera Tino Fernández

Que supuxeron estes catro anos para Pontevedra?

Un tempo de parálise, cunha xestión moi escasa, que freou en seco os proxectos máis importantes que tiñamos pendentes e a evolución da cidade de Pontevedra. O Goberno local, que sempre foi excesivamente dependente da figura do alcalde, atópase agora mesmo esgotado. Fóra da reforma urbana, que se desenvolveu durante os anos nos que os socialistas formabamos parte do Goberno, quedaron sen ideas e apenas lles quedan dúas ou tres rúas máis por peonalizar. O estancamento notouse moitísimo neste mandato.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Exigua. Apréciaselle ao alcalde moito cansazo, apatía e indolencia. Os síntomas de esgotamento son palpábeis, o que se contaxiou mesmo á propia dirección das concellarías. Até o propio Lores recoñece que, cando o PSOE gobernaba en Pontevedra, a xestión era moito mellor. Xamais terían acontecido cousas como que os clubes deportivos da cidade leven máis de dous anos asfixiados e sen cobrar as subvencións municipais.

E o seu labor na oposición?

Creo que fomos quen de liderar a oposición con propostas, sen estridencias, trasladando a imaxe de que somos un partido que sabe xestionar, propoñer e que pon os intereses de Pontevedra por enriba de calquera outro. Somos dos poucos partidos, por non dicir o único, co que se pode dialogar para atopar solucións. É hora de que regresemos ao Goberno local. Aos pontevedreses vailles moito mellor cando nós estamos aí. Noutros mandatos fomos quen de multiplicar o número de parques e zonas verdes de Pontevedra, de poñer en marcha o programa de comedores escolares e de levar a rede de saneamento a todas as parroquias do rural pontevedrés.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Non se pode falar dunha soa, senón da necesidade de revitalizar un modelo de cidade que quedou estancado. Precisamos elaborar un novo PXOM que permita definir os núcleos do rural pontevedrés e que é fundamental para facilitar a edificabilidade e asentar poboación nas nosas parroquias. Temos que desenvolver un plan estratéxico de servizos que permita resolver as carencias existentes nas nosas parroquias no que atinxe a un transporte público económico e de calidade, seguridade viaria, telefonía e redes e servizos de proximidade. Hai que implantar unha fiscalidade máis progresista e acadar un pulo na actividade económica. O tema da igualdade tamén é unha das materias pendentes e, a nivel medioambiental, quedan demasiadas cousas por facer, desde o dragado do Lérez, pasando por destapar o río dos Gafos, até o traslado de Ence.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Impulsarei, nos primeiros 100 días do vindeiro mandato, unha mesa de negociación sobre o futuro de Ence. O PSOE é o único partido que sempre mantivo a mesma postura en relación á pasteira: sempre falamos de traslado. Non discutimos a importancia de Ence na actividade económica de Pontevedra, pero non pode seguir ocupando os terreos de Lourizán ilegalmente. Debemos sentarnos nunha mesa para falar sobre o traslado da factoría a outro punto da comarca. Con Pedro Sánchez no Goberno central, dispoñemos dunha ocasión histórica para liberar a ría de Pontevedra dese desfasado complexo industrial.

Comentarios