"Non podemos esquecer que hai alternativas ao modelo social precario da miseria, que agora mesmo se está a impor, e iso intentamos traballar desde o noso grupo", explicou Yolanda Díaz, resaltando que o sector téxtil "non ten problemas económicos» e «pode e debe mellorar as condicións das traballadoras".
Ademais, Díaz, número un da lista por Pontevedra, lembrou que "estamos ante un sector moi afectado pola reforma laboral, e o PSOE non vai derogala. É moi grave para as traballadoras, porque lles afecta directamente na precarización do emprego e no desenvolvemento da xornada laboral".
Galicia en Común propuxo no Congreso unha Lei de traballo co-responsábel, que beneficiaría directamente a estas traballadoras para que o seu posto de traballo "se adapte á vida e non á inversa". Segundo incidiu a deputada, esta Proposición de Lei, que non chegou a debaterse pola breve lexislatura, aborda directamente a cuestión da conciliación.
Pola súa banda, David Bruzos dixo que "falar de téxtil no Estado é falar de Galiza, pero estamos diante dun colectivo feminizado con condición laborais moi precarias", e pediu que "o 10-N se mobilice todo o mundo, porque estamos diante dunha situación adversa e prevese un novo plan de axuste, a nosa proposta é clarísima: o axuste ten que darse por arriba, non poden ser as traballadoras as vítimas de novo".