Os nomes do terror

Fernando Vidal: “A represión contra a guerrilla foi cousa da Garda Civil”

Fernando Vidal Collazo (Corme,1968) tense achegado nos seus traballos a diversos aspectos do proceso represivo e da resistencia ao franquismo na Costa da Morte. Hoxe achegámonos da súa man a realidade dos vitimarios en Ponteceso, como adianto ao artigo no coleccionábel Os nomes do terror. 
Fernando Corme
photo_camera Fernando Vidal.

Barbarie en Ponteceso. Unha década de represión continua  contra Ezequiel Camaño é o título do seu traballo para o coleccionábel Os nomes do terror, pero quen foi realmente Ezequiel Camaño e cal foi a súa significación política no período republicano?

Ezequiel Caamaño exerceu diferentes funcións no Concello de Ponteceso nos últimos anos da II República. Traballou de secretario, foi tamén concelleiro e mesmo alcalde durante dous meses en 1936. Como era unha persoa comprometida, traballou pola xustiza social. Isto fíxoo chocar cos sectores de dereitas, que querían manter os seus privilexios a toda costa.

Ezequiel era unha persoa instruída e íntegra, dúas características que o converteron en obxectivo prioritario da represión. Porque as elites económicas e militares que usurparon o poder en 1936 sabían que, se querían manterse nel durante décadas, tiñan que ir por aquelas persoas que integraran capacidade de liderado e compromiso social. E iso foi o que fixeron, perseguindo e asasinando a tantos cadros sindicais, líderes políticos, pequenos empresarios, mestres.

Estas foron as razóns polas que en Ponteceso perseguiron a Ezequiel Caamaño, as mesmas polas que na veciña vila de Corme tiveron por obxectivos a Luís Ferro Souto, José Centeno Ferreiro, Ezequiel Amor Lema, Manuel Soto Blades e tantos outros.

Polo que sinala Ezequiel Camaño é un vítima destacada da represión franquista en Ponteceso, pero cal foi realmente a dimensión  e a natureza do terror na localidade no período posterior ao golpe de Estado de 18 de xullo de 1936?

Foi cruel e sanguinario, coma en todas partes. Julio Pérez Núñez, Fernando Moreira Parga, Francisco Devesa Centeno, Manuel Castro Castro, José Neira Pasandín e José García Figueroa foron detidos e executados nos macabros paseos ou en condicións semellantes. Outra execución tristemente destacábel é a de Alejandro Dopico Saleta, un rapaz cormelán de 19 anos que foi detido na Coruña nun intento frustrado de fuxida por mar á zona republicana. Alejandro foi xulgado e condenado a morte e foi fusilado no Campo da Rata da Coruña mes e medio despois do seu 20  aniversario.

Se falamos dos días inmediatamente posteriores ao 18 de xullo de 1936, a represión en Ponteceso e Corme tivo a súa particularidade. Porque a persecución non empezou no minuto cero. Houbo uns poucos días de dúbida, de desorganización entre os represores. Ezequiel Caamaño foi á casa do Concello poucos días despois do 18 de xullo, fixo entrega do cargo de secretario ao delegado gobernativo nomeado pola autoridade militar, e deixárono volver tranquilamente á súa casa. Alégrome de poder aclarar agora este feito, que non puido ser tratado no artigo do coleccionábel por falta de espazo.

O feito de que deixaran marchar a Ezequiel do concello sen detelo proba que a represión tardou días en organizarse. Outro feito que avala esta tese é que os obxectivos prioritarios da represión na vila de Corme, dos que falamos ao principio, puideron fuxir ao monte a agocharse. Nos primeiros días non detiveron a ninguén.

Como estamos vendo nas entregas do coleccionábel Os nomes do terror, se Ezequiel Caamaño e o resto de nomeados na primeira pregunta viviran noutra vila galega terían sido feitos prisioneiros nas primeiras horas, e quizais executados ás poucas semanas. Sen embargo, Ezequiel puido escapar de Ponteceso. E Luís, José, Ezequiel, Manuel e algúns outros puideron agocharse en Corme, e aguantar os tres anos da guerra sen ser descubertos. Sometidos, iso si, a unha presión que non sei como foron quen de soportar, e que os obrigou a cambiar de agocho moitas veces.

Foi quizais a frustración que medraba nos vitimarios por non poder dar caza a ningún dos obxectivos principais a que os levou a escoller ás vítimas case ao chou. Porque, no caso de Corme, Manuel Castro e Francisco Devesa foron detidos na súa casa, e asasinados como xa dixemos. E aínda hoxe ninguén se explica por que lles tocou a eles. A estratexia non foi gratuíta. Meteu o medo no corpo a toda a sociedade.

Outra represión moi importante no caso de Corme foi a apertura de causas xudiciais. Nada menos que 128 persoas naturais de Corme foron procesadas. Unhas tiveron como consecuencia penas de cárcere. Outras foron desestimadas e arquivadas, pero isto non quixo dicir ausencia de castigo, pois todas as persoas non condenadas tiveron algún tipo de represalia, en moitos casos a retirada da documentación que lles permitía exercer o seu oficio no mar, condenándoos ao paro ou ao subemprego durante anos.

A causa da morte de Ezequiel Camaño está asociada á súa colaboración coa actividade da guerrilla antifascista, que sinalaría do labor e da incidencia da resistencia armada  ao franquismo na comarca así como o do seu apoio social?

A guerrilla tivo unha actividade importante na Costa da Morte, con accións que foron levadas a cabo por partidas de até 10 guerrilleiros. E cun retén de 3 ou 4 guerrilleiros que estiveron case continuamente presentes na comarca entre setembro de 1946 e abril de 1947.

En canto aos integrantes da guerrilla, houbo varios guerrilleiros naturais da Costa da Morte. O máis destacado foi sen dúbida o cormelán Adelino Rivas Pombo, que volveu clandestinamente a Galiza a mediados de 1943 para traballar na reorganización do PCE. Nese labor tivo moitos contactos coa guerrilla, que se foron intensificando co paso dos anos até que a finais de 1946 podemos considerar a Adelino como dirixente da IV Agrupación guerrilleira, apartado xa do labor político.

Pero na nosa comarca, o máis importante foi a rede de apoio á guerrilla que se foi tecendo nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo e Zas. Cando a xustiza militar desartellou esa rede na primavera de 1947, foron detidas nada menos que 51 persoas nos anteditos concellos. O apoio non foi en puntos xeográficos concretos. Era unha malla mesta, pois houbo detencións en practicamente todas as parroquias deses concellos. Unha demostración de que o antifascismo, despois dunha longa década de represión, aínda seguía vivo e disposto a loitar. 

Que diferenzas presenta o operativo represivo aplicado contra a guerrilla do levado adiante nos anos posteriores a 1936?

Pois son certamente diferentes. En 1936, aínda que a Garda Civil tivo un papel clave na represión, as partidas que saíron á caza de seres humanos estaban formadas por elementos de moi distinta tipoloxía, con motivacións que se mesturaban. Estaba o afán de desquite ou o desexo de medrar na nova situación que se abría. E tamén estaban os que sinalaban, os que animaban a persecución pero non participaban nela. Pois ben, a participación na represión de todas estas tipoloxías humanas está probada documentalmente, quedou constancia da participación de todos en causas militares e outros documentos da época.

Polo contrario, a documentación da represión contra a guerrilla que eu manexei é moito menos coral. Os procesos empezan case sempre coa Garda Civil facendo detencións, e os interrogatorios e torturas posteriores dan como resultado novas detencións. A participación de elementos civís parece moito menor que dez anos antes. Pero esta podería ser unha conclusión equivocada, pode que a participación das novas elites sociais fora agora ocultada.

En canto ás forzas represivas da guerrilla, o que si querería destacar é o que esta represión supuxo como mérito na carreira de determinados integrantes da Garda Civil. En concreto na carreira de Francisco García Laclaustra, de quen falaremos máis amplamente na entrega do coleccionábel Os nomes do terror. Esta persoa tivo un papel moi destacado na represión de Ezequiel Caamaño Toja e doutros integrantes da rede de apoio á guerrilla. Francisco Laclaustra empezou en Carballo unha carreira de ascensos que culminou en 1981, en plena monarquía parlamentaria, cando tendo acadado o rango de xeneral foi nomeado subdirector da Garda Civil a nivel estatal. Nun rastrexo en internet, ao lado do seu nome aparecen cargos políticos cos que tivo estreita relación aínda en plena ditadura, con apelidos tan coñecidos hoxe como Trillo-Figueroa. Un indicio máis que tira por terra esa modélica Transición que chega a cada pouco aos nosos tímpanos como un bucle interminable.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios