Unha exposición na Cidade da Cultura para conmemorar os 25 anos de cine galego

Cinegalicia25 é o título da exposición que tamén no outono abrirase na Cidade da Cultura para conmemorar o vintecinco aniversario da estrea das que están consideradas as tres primeiras longametraxes de ficción galega. O comisario será o crítico e estudoso do cinema galego Miguel Anxo Fernández. 

Fotograma de Sempre Xonxa
photo_camera Fotograma de Sempre Xonxa

En 1989, entre o 23 e 26 de novembro, estreábanse en Vigo as películas Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo García Pinal. A mostra Cinegalicia25 abrirase para conmemorar a data no terceiro andar do Museo Centro Gaiás. Ofrecerá un percorrido sobre o audiovisual galego neste cuarto de século ademais de prometer unha mirada cara atrás, até as primeiras proxeccións do cinematógrafo de 1896. 

A mostra artellarase en cinco seccións, “Cine galego” visitará as longametraxes, “Rodado en Galicia” os filmes que teñen o noso país como escenario, “Ficcións televisivas”, as producións propias da TVG, “25 pezas máis...” como un achegamento a outros formatos como a animación ou o documental e “Cine de papel” para os estudos, investigacións e teorías arredor do audiovisual elaboradas desde Galiza. 

Comentarios