Epidemia de ebola: máis de 2.400 persoas mortas en dous meses

A Organización Mundial da Saúde alerta da crise humana que atinxe Liberia onde as autoridades afirman que o virus está a supor unha ameaza para a existencia do propio país. 

08-01-2014Ebola_Virus
photo_camera [Imaxe: Tommy Trenchard / IRIN]

A falta de recursos económicos, materiais e humanos están a agravar a crise que atinxe Liberia desde o estourido do maior brote de ebola coñecido até o momento. Segungo a Organización Mundial da Saúde (OMS) o número de persoas infectadas aproxímase ás 5.000 e as mortas suman máis de 2.400. 

"Os dados están subestimados", afirman as autoridades da OMS, que demandan unha maior implicación da comunidade internacional. Os centros hospitalarios de Liberia, colapsados pola chegada diaria de nov@s doentes, non están a atender @s enferm@s que rematan por tornar ás súas moradas malia teren o virus. 

"Viñen para coidar de min, mais eles dixéronme que non hai lugares. Teño dor de cabeza e febre. Vou voltar para a casa", afirmaba en declaracións recollidas pola axencia de noticias AFP unha doente ás portas do complexo hospitalario de Monrovia, ateigado de xente. 

"Viñen para coidar de min, mais eles dixéronme que non hai lugares", asegurou unha doente no hospital de Monrovia

Nas últimas tres semanas faleceron o 60% das persoas que tiñan contraído o virus do ebola en Liberia --o maior brote rexistrado até o momento. A enfirmidade atinxiu tamén, aínda que en menor medida, a outros territorios da África Occidental como Serra Leoa, Nixeria, Senegal e Guiné-Conacri, de onde partiu a epidemia, segundo as autoridades internacionais. 

A grave crise humana que se extende pola Liberia está a pór en risco a viabilidade do propio país, segundo declarou o ministro de Defensa liberiano, Brownie Samukai. "A Liberia está a enfrentar unha seria ameaza á súa existencia nacional", subliñou perante o Consello de Seguridade das Nacións Unidas o 9 de setembro. "O virus mortal do ebola causou", dixo, "a interrupción do normal funcionamento do noso Estado", incapaz de facer fronte a unha enfermidade incurábel, polo de agora. 

O goberno de Liberia di que o virus "causou a interrupción do normal funcionamento do Estado"

No entanto, o médico estadounidense infectado polo virus e que foi tratado co soro experimental ZMapp nun hospital de Atlanta (EUA) xa recibiu a alta médica no mes de agosto após estabilizaren o seu estado e permitir que o corpo restituíra a perda de fluídos que carrexa a enfermidade. Pola contra, o cura español que tamén fora atinxido polo brote e trasladado a Madrid, finou seis días despois de comezar a recibir o tratamento. 

Axuda internacional

Para combateren a enfermidade e colaborar coas autoridades liberianas a administración Obama anunciou o envío de 3.000 militares cuxas funcións serán, explican desde o goberno estadounidense, treinar a 500 profesionais do país na loita contra o virus. Aliás, avanzaron que construirán novos puntos de atención médica, se ben, as previsións iniciais eran construír un pequeno hospital con só 25 camas, o presidente asegurou que se edificarán 17 centros con perto de 1.700 camas. 

Tamén Cuba enviou un continxente médico a Serra Leoa para colaborar nos traballos de atención d@s doentes. No concreto, foron encamiñad@s 165 colaboradores, 62 son médic@s e 103 enfermeir@s, con máis de 15 anos de experiencia profesional. 

Comentarios