MInuto a minuto da xornada electoral

Eleccións galegas 12-X

2.697.315 galegas e galegos conforman o censo electoral deste 12-X, en que se elixen as 75 deputadas e deputados que conformarán o Parlamento galego. Todo fica aberto até o reconto das papeletas, que desvelarán quen será a presidenta ou o presidente da Galiza. 

Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
 Actualizar
20.00

Enquisa CRTVG: PP pode perder a maioría absoluta e BNG sitúase como segunda forza

 

Son os resultados dunha sondaxe realizada por GFK á pé de urna con 14.400 enquisas en 120 colexios electorais da Galiza para CRTVG. 

PP: 37/40 escanos (a maioría absoluta está en 38)

BNG: 19/22

PSdeG:12 /14

Galicia en Común: 2

Nin Marea Galeguista, nin Ciudadanos nin Vox obterían representación, segundo este traballo.

19.04

Traballadores de Alcoa acoden a votar co uniforme 

 

Traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo) acoden a un colexio electoral de Burela, co uniforme da fábrica, para votar nas eleccións galegas. O persoal leva semanas mobilizándose contra os despedimentos anunciados pola fábrica e os sindicatos que compoñen o comité de empresa exixen a nacionalización da planta para preservar a produción e o mantemento dos postos laborais.

alcoa

Fotografía de Carlos Castro / Europa Press

17.30

Mantense unha participación similar á de 2016

 

Galiza rexistra 42,95% de participación até as 17 horas, unha cifra similar a das anteriores eleccións galegas, realizadas en 2016. Tan só sobe 0,46 puntos.

Hai unha lixeira suba de participación nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, mentres que baixa nas de Ourense e Lugo, onde precisamente o PP adoita sacar mellores resultados.

Por circunscricións:

-A Coruña: votou 42,84% do censo (+0,82 puntos)

-Pontevedra: votou 43,60% do censo (+1,31 puntos)

-Ourense: votou 42,69% (-1,80)

-Lugo: votou 41,89% (-0,84 puntos)

Na comarca da Mariña Central, epicentro do rebrote do coronavirus, a participación descende 1,25 puntos, con 41,01% de participación fronte ao 42,26% rexistrado en 2016.

Baixa tamén na Mariña Oriental 0,90 puntos, pasando de 45,09% rexistrado en 2016 a 44,19%. 

Pola contra, sobe na Mariña Occidental 2,5 puntos (pasando de 45,2 a 47,52%).

15.04

O BNG denuncia carretaxe de maiores nunha residencia de Ourense

 

O BNG denuncia o traslado de persoas maiores da residencia San Xosé (Rairo, Ourense) ao colexio electoral. Ademais, as visitas nese centro permanecen prohibidas, recorda o Bloque.

residencia Ourense

14.49

Vota Beatriz Pino (Cs)

  A candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Beatriz Pino, votou esta mañá na Casa das Artes, no centro de Vigo. “Hoxe é un día importante para todos os galegos, debemos votar sendo valentes, sen medo, inconformistas, para conseguir unha Galiza do século XXI. As galegas e galegos teñen moito que gañar hoxe”, dixo Pino. A candidata amosou entusiasmo polo aumento de participación de 4,4 puntos rexistrado ás 12 do mediodía.
13.39

En Pontedeume monxas recollen maiores

 

Nós Diario recibiu a queixa de veciñas de Pontedeume que con esta imaxe queren denunciar carretaxe de votos no asilo de Pontedeume, en que unha relixiosa recolle en coche persoas maiores no día das votacións. 

Monxa Pontedeume

13.15

Vota Corina Porro (PP)

  "Son unhas eleccións especiais, queremos animar todos os cidadáns a que vaian votar", dixo ao depositar a papeleta a candidata número 2 do PP por Pontevedra, Corina Porro, que votou no barrio de Bouzas (Vigo). "Grazas polo respecto que están a ter ás normas estabelecidas. Hai as máximas garantías para poder votar e na Galiza estamos a xogarnos o noso futuro nestas eleccións”, apostilou.
13.00

Incremento da participación na Mariña

  A participación tamén sobe na Mariña, epicentro do rebrote e onde perto de 200 persoas ven impedido o seu dereito ao voto por seren positivas en coronavirus e non se teren activado fórmulas que garantisen a súa participación. Aumenta +1,18% na Mariña Central, +2,66% na Occidental e +3,26 na Oriental.
12.30

Sobe 4,4 puntos a participación

  Os datos do mediodía publicados pola Xunta sinalan un aumento de participación en 4.4% respecto aos comicios galegos de 2016.
12.19

Alberto Núñez Feixoo (PP) votou en Vigo

 

O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, votou esta mañá en Vigo, no colexio Neno Xesús de Praga, e fíxoo acompañado pola número 2 da candidatura popular por Pontevedra, a ex alcaldesa de Vigo Corina Porro.

12.16

Olalla Rodil (BNG) anima a votar

 

A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, votou no concello de Ribeira de Piquín desde onde chamou as galegas e galegos a participar das votacións. “Sabemos que son unhas eleccións inéditas, nun contexto moi diferente ao que nos gustaría vivir, pero quero mandar unha mensaxe de tranquilidade e instar as galegas e galegos a exercer o seu dereito a voto e a decidir o futuro do país”, afirmou ao depositar a papeleta.

11.57

Vota Antón Gómez-Reino (GeC)

 

No centro cívico da Cidade Vella, na Coruña, votou o candidato á Presidencia por Galicia en Común, Antón Gómez-Reino. “Ten que haber unha importante mobilización democrática, cívica, con calma, pero tamén con determinación”, dixo, e animou a que todo o mundo exprese o seu parecer co voto. “É un día para fortalecer a democracia, por iso chamamos a que haxa mobilización democrática, para romper coa resignación e co pasado e para construír a Galiza que queremos e o futuro”.

11.52

Votou Xosé Luís Rivas (BNG)

 

O candidato número 2 do BNG pola Coruña , Xosé Luís Rivas 'Mini', exerceu o seu dereito ao voto no Colexio Público de Boimorto. Rivas fixo un chamamento a participar "neste día histórico" no que Galiza decide o seu futuro.

11.00

Vota Miguel Tellado (PP)

  O secretario xeral do PP galego exerceu xa o seu dereito ao voto. "Eu votei seguro. Con máis forza e máis ilusión ca nunca", aseverou. 
11.00

Constituíronse 100% das mesas

 

O director  xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na primeira das catro comparecencias previstas sobre o desenvolvemento da xornada electoral neste 12-X, informou de que ás 10,30 horas estaban abertas "100% das mesas", o que supón un total de 3.952 distribuídas "nos 2.395 locais electorais na Galiza", puntualizou.

"Só houbo as incidencias habituais, algún atraso, pero nada destábel", resaltou Villanueva, quen valorou, así mesmo, a "normalidade nas medidas tomadas pola Administración ante a Covid-19" xa que, ratificou, "todos os locais contan con material de protección", como máscaras, xeles  hidroalcohólicos e pantallas.

Preguntado sobre a comarca da Mariña na que se rexistra un brote con 186 casos activos até este sábado, o director  xeral de  Emerxencias e Interior confirmou que a xornada electoral comezou con "total normalidade". 

11.00

Vota Luís Bará (BNG)

  O cabeza de lista por Pontevedra do BNG, Luís Bará, votou no instituto Frei Martín Sarmiento. “É unha xornada histórica porque se está votando nunhas circunstancias novas e quero chamar a votar con ilusión e confianza para construír un país novo. Eu xa votei para unha Galiza nova, con futuro e mellor que a que temos agora, e animo  todo o mundo a que o faga”, dixo Bará logo de depositar a papeleta.
10.41

Vota Gonzalo Caballero (PSdeG)

 

“Hoxe estamos nunha xornada electoral moi importante para Galiza, é a festa dea democracia, coa posibilidade de que as cidadás e cidadáns decidamos o futuro do país en que vivimos”, dixo o candidato á Presidencia da Xunta polo PSdeG, Gonzalo Caballero, esta mañá ao votar no Colexio María Auxiliadora, en Vigo. Para Caballero o poder do voto permite “marcar a folla de ruta para o benestar e progreso que queremos para Galiza”.Por iso o candidato fixo un chamamento a todas as persoas para votar “nunhas eleccións distintas, con medidas de seguranza ante o virus, pero onde precisamos dunha participación masiva, pois a participación lexitima os Gobernos e fai que os resultados representen mellor a vontade dun pobo”, aseverou.

10.40

Vota Pancho Casal (Marea Galeguista)

  Vota o candidato á Presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, no centro de Formación Profresional Ánxel Casal, na Coruña. “Hoxe hai que facer un chamamento a todas as galegas e galegos para ir votar porque nestas eleccións decidimos os próximos 30 anos da Galiza. Vai ser a lexislatura da reconstrución do país, e haberá fondos da Unión Europea para facela, e o que non pode ser, como nas anteriores eleccións, que só 25% das galegas e galegos decidan o Goberno”. Casal tamén lamentou que haxa persoas que non poidan votar, en referencia ás contaxiadas de coronovirus, e criticou a decisión da Xunta Electoral Central que avala que non voten. O candidato anunciou ademais que presentarán ante o Tribunal Supremo un recurso. “Xunta Electoral, Goberno galego e Goberno estatal tiñan que ter buscado outras alternativas para que as persoas con coronavirus puidesen participar, como podería ser a posta en marcha extraordinaria do voto por correo”.
10.20

Vota Ana Pontón (BNG)

 

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, foi a máis madrugadora e acudiu a votar ás 9.30 horas ao seu colexio electoral, no Centro Galego de Arte Contemporánea chamou este domingo á particicipación electoral para "facer historia" nun momento "decisivo" para Galiza e lamentou que "centos de galegos non poidan exercer un dereito fundamental como é o dereito ao voto", en alusión ás persoas positivas en CovidD-19. Así, lamentou que as persoas contaxiadas viran "como se convocaron eleccións e non lles garantiron o seu dereito ao voto" e recalcou que "a Xunta tiña a responsabilidade de articular os mecanismos previstos na lexislación" para garantir o seu exercicio deste dereito fundamental. Do mesmo xeito, a candidata do Bloque á Presidencia da Xunta chamou ás galegas e galegos a votar con "ilusión e convicción" e a pensar que "este país ten futuro e necesita á fronte a un Goberno que confíe nas súas propias potencialidades e capacidades".

09.33

Constituídas todas as mesas en Burela

09.33

Antes das 9 horas ficaron constituídas as dez mesas electorais habilitadas en Burela, na comarca da Mariña, con 186 casos activos de coronavirus até o sábado, segundo o comunicado polo Sergas. As e os positivos, persoas pendentes do resultado da proba ou con síntomas non poderán votar, xa que non se habilitou ningún mecanismo para garantir os dereitos democráticos das persoas que se atopan confinadas nesa situación. Isto supón que perto de 300 persoas ficarán sen votar na Galiza. “Non é un número significativo”, dixo onte o vicepresidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, a respecto delas.

09.16

2,2 millóns de galegas e galegos están convocados a votar

09.16

2.234.252 son as galegas e galegos que o 12-X teñen unha cita coa urnas nos colexios electorais, aínda que o censo total de electoras e electores é maior e ascende a 2.697.315, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.

09.00

Constitúense as mesas

09.00

99,63% das mesas electorais fican constituídas na Galiza. 

 Actualizar

Comentarios