“Non é un número significativo” di a Xunta sobre as case 300 contaxiadas ás que deixa sen poder votar

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que o número de persoas que non poderán votar este domingo por mor do coronavirus, case 300, "non é significativo". Rueda informou este sábado 11 de xullo de que a Consellaría de Sanidade comunicou ás persoas contaxiadas ou que fican pendentes de probas que non poden ir votar. O número pode medrar ao longo deste sábado sen a Xunta ter explorado outras vías que garantan o sufraxio de todas.
O vicepresidente Alfonso Rueda, no centro, este sábado de reflexión (Imaxe: Ana Varela / EP)
photo_camera O vicepresidente Alfonso Rueda, no centro, este sábado de reflexión (Imaxe: Ana Varela / EP)

Non está calculado o dato concreto de persoas que non poden votar este domingo 12 de xullo por estaren contaxiadas de coronavirus ou por ficaren á espera do resultado nunha proba, mais rondan as 300, segundo recoñeceu este sábado, 11 de xullo, o vicepresidente da Xunta e candidato do PP por Pontevedra, Alfonso Rueda. “Non son un número significativo", dixo, e referiuse a que "non chega a 300".

De acordo cos datos comunicados este sábado pola Consellaría de Sanidade, hai 259 casos activos notificados coa Covid-19 na Galiza, por tanto, son 259 as e os positivos que non poderían ir ás urnas, salvo que reciban a alta antes. Porén, o dato concreto de canta xente non poderá exercer o seu dereito ao voto non está calculado porque o número de xente que está pendente de proba varía constantemente, explicaron fontes da Xunta.

O vicepresidente manifestou que "hai circunstancias que determinan que non se pode ir votar" e "así o ratificou a Xunta Electoral. Creo que a responsabilidade destas persoas fará que entendan que na xornada de mañá, se non votaron por correo, non poden ir votar", agregou.

"A esas persoas non se lles vai a poñer vixilancia, pero seguro que entenden que, polo seu propio interese e polo do todo o mundo, non poden acudir aos colexios electorais", insistiu. Quen estea en corentena sen resultado positivo e sen estar pendente de proba, con todo, si poden saír, "tomando todas as precaucións", para depositar o seu voto, lembrou o vicepresidente.

En calquera caso, Rueda afirmou que quen non poden acudir aos colexios electorais "sábeo perfectamente" porque as autoridades sanitarias xa llo comunicaron.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse nunha rolda de prensa na sexta feira, 10 de xullo, aos casos de positivos e puntualizou que "a única prohibición por parte sanitaria é aquel que ten unha enfermidade infectocontaxiosa, que afecta á saúde colectiva da sociedade".

A Xunta deixa desta maneira sen voto polo de agora a case 300 persoas sen ter explorado ningunha vía alternativa que garantise o dereito ao sufraxio.

O Tribunal Supremo desestima o recurso contra a Xunta Electoral polo voto na Mariña

A Sala III do Tribunal Supremo desestimou o recurso presentado por Galicia en Común contra a resolución da Xunta Electoral Central, que indicaba que "non corresponde" a este órgano "posicionarse sobre a suspensión das eleccións" na comarca da Mariña.

Así, o alto tribunal subliña o carácter "xenérico e indeterminado" das medidas cautelares que reclamaba a coalición sobre os comicios.

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, anunciou hai uns días que a súa formación recorrería ante o Supremo a decisión da Xunta Electoral Central de permitir o voto na Mariña, comarca que tivo que ser confinada polo brote descontrolado da Covid-19.

No recurso, a coalición acusaba ademais o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de abrir na sexta feira, 10 de xullo, algunhas zonas da comarca como unha medida "electoralista". No escrito, o Supremo entende que "non procede" abrir a peza de medidas cautelares porque o recurso de Galicia en Común non pide ningunha en concreto e por tanto "carece de sentido oír a Xunta Electoral Central respecto diso".

Comentarios