A representación do cinema galego nas candidaturas aos Premios Goya é ben ampla. Ademais dos filmes de Alberto Vázquez, Zeltia Montes opta á mellor canción orixinal por 'Muerte' no documental 'Frágil equilibrio', tema interpretado por Uxía. E o actor ferrolán Javier Gutiérrez competirá como mellor actor de reparto por 'El Olivo'.
Os filmes 'María y los demás' e 'Cien años de perdón', coproducidas por produtoras galegas, optan a dous galardóns cada unha
En canto aos filmes con produción galega, a fita galego-catalana 'María y los demás' (coproducida por Frida Films e parte do guión a cargo de Diego Ameixeiras) ten dúas nominacións: á mellor dirección novel para Nely Reguera e mellor actriz protagonista para Bárbara Lennie. E o filme 'Cien años de perdón', coproducido pola produtora coruñesa Vaca Films e coprotagonizado por Luís Tosar, tamén opta a dúas estatuíñas: actor revelación para Rodrigo de la Serna e mellor guión orixinal para Jorge Guerricaecheverría.
E o director de animación Alberto Vázquez continúa co seu paseo triunfal por todo tipo de premios e festivais de todo o mundo. Nos Goya optará aos dous galardóns dedicados aos filmes animados: mellor longametraxe por 'Psiconautas, los niños olvidados', e mellor curtametraxe por 'Decorado'.