Imprimir

A “diversidade absoluta” de Guadi Galego e os 10 filmes do Novo Cinema Galego, no ‘Sermos Galiza’

Redacción | 14 de febreiro de 2020

O suplemento de 32 páxinas publícase este sábado acompañando Nós Diario

O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 do suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

O Novo Cinema Galego está de aniversario. A etiqueta celebra unha década este ano, desde a inauguración naquel profético artigo de Martin Pawley un 2 de xaneiro de 2010. Agora, transformado, é tempo de facer valoración. Unha serie de expertas valoran para Nós Diario os dez fimes que consideran máis representativos do movemento.

novocinemagalego

Os críticos Martin Pawley, José Manuel Sande e Xurxo Chirro, a directora e catedrática de Ciencias da Comunicación Margarita Ledo citan e argumentan as súas escollas. 

Todos vós sodes capitáns, Lúa Vermella, ou Vikingland son algunas das obras que figuran nesta reportaxe, unha peza na que “estabelecemos como criterios non repetir filmes do mesmo autor e ordenámolos cronoloxicamente para trazar un percorrido por unha década que colocou Galiza no mapa cinematográfico”.

Guadi Galego, sempre diversa

Entrevistamos Guadi Galego. Unha longa conversa para falar de música, de referentes, de mulleres. Desde os comezos no universo folk de Berrogüetto, pasando por proxectos máis íntimos, o nome de Guadi Galego estaba chamado a se converter en referente innegábel da música galega. O seu percurso en solitario abriu unha fuxida das etiquetas na procura da diversidade como principio absoluto. Con Immersion, un traballo no que a cantante se revisa a si propia en varias linguas, leva a outro nivel ese ideal co que actualmente se identifica. Coa advertencia de que "podería mudar en calquera momento".

"A miña etiqueta téñoa clara: a diversidade absoluta. Entendo que  a vida é iso”, acredita durante a conversa. 

O corpo da muller, campo de guerra para o franquismo

Cilia Torna profundiza na reportaxe As galegas violadas polo franquismo neste aspecto brutal da represión fascista na Galiza. A represión das mulleres durante o franquismo non rematou cos asasinatos, executados unhas veces tras un proceso militar e outras á marxe de toda norma. Tampouco, coas longas condenas a penas de prisión ou privación de liberdade. Moito menos, coas incautacións ou extorsións económicas, que remataron por condenalas á miseria. Houbo, tamén, unha represión sexuada, cuxa memoria se resiste a saír á superficie.

violadaspolofranquismo

Mulleres como Carmen Chicharro, que deixou testemuño da súa violación na comisaría da Coruña. Relatou como "un detrás doutro, aqueles  oito policías violáronme. Atada violáronme os oito. Perdín o coñecemento".

Ou como Carmen Jerez, unha enlace da guerrilla natural de Vilamartín de Valdeorras, embarazada, segundo a autopsia, de cinco meses, cuxo cadáver apareceu en maio de 1947 nas proximidades de Ponferrada, “A Carme levárona a unha cova, onde a esposaron, violárona e despois desfixéronse dela", escribe Xosé Fernández Ferreiro no seu romance ‘A ceo aberto’.

Glaciar na Galiza

O Macizo Central é coñecido pola súa relación coa neve. Meno coñecida, pero máis espectaculares, son as pegadas que o xeo do pasado deixou nas súas abas, na súa estrutura e na súa configuración actual, que o converten nunha área de grande interese xeomorfolóxico e paisaxístico, sen esquecer a gran variedade de hábitats que encerra e o importante número de especies, de características propias das alturas, con case un cento   de endemismos ibéricos.

Por este territorio lévanos neste Sermos Galiza o colectivo Xea: O Curro das Lagoas, o rego Requeixo, As Aguilladas no glaciar das Lamas... Un percorrido por un dos espazos máis singulares da Galiza.

Na sección de libros Mario Regueira e Manuel López Foxo debullan para nós tanto novidades literarias como deitan a mirada en obras da literatura galega do pasado.

guadigalego

‘Valverde’ de Koriev permite adentrármonos  “nun universo de electrónica polo que resulta difícil transitar con indiferenza”. Koroiev agocha a sinatura do músico e educador Roberto Casteleiro, tamén coñecido por Korokati, Federico Flesfa ou Fagot & Popota.

Mais non remata aí a música no Sermos Galiza. Para alén da crítica de discos hai un mergullo na regueifa da man de Alba María, regueifeira ela propia e que fala das mulleres nesta disciplina da tradición musical galega.

No apartado de Cinema Andrés Castro debulla Klaus e tamén nos fala dunha serie de filmes que considera de interese. Na sección de Arte, Carlos L. Bernárdez chama por nós para coñecer a obra de Christian Villamide (Lugo, 1966), cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, “mais sempre estas formas están rexidas na súa concreción por unha vontade e unha análise conceptual”.

Todo isto, e máis cousas, están nas 32 páxinas do semanario Sermos Galiza que acompaña este sábado a Nós Diario.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/diversidade-absoluta-guadi-galego-10-filmes-do-novo-cinema-galego-sermos-galiza/20200214112909091397.html


© 2020 Nós Diario