Imprimir

Denuncian que a xerencia do Hospital da Costa “obriga o persoal a incumprir o protocolo” contra o coronavirus

Nós Diario | 24 de marzo de 2020

[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa
[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa

CIG-Saúde alerta que se está a “poñer en risco” a saúde de persoal e usuarias e leva o tema ante Inspección de Traballo. Sergas négao e afirma que se "cumpren estritamente todos os protocolos de actuación".

CIG-Saúde denuncia a situación que afirma que se vive no Hospital da Mariña, cunha “situación de absoluta descoordinación, desinformación e cun número elevado de contaxios entre o cadro de persoal que pode acontecer nestes día”. A central sindical di que se fai eco das queixas e protestas que o persoal saniario lle está a trasladar estes días pola “mala xestión sanitaria” desta pandemia no complexo hospitalario ubicado en Burela.

O sindicato responsabiliza a Xerencia, e indica que esta foi “advertida” en dúas xuntanzas do comité de seguridade e saúde que “se detectaban fallos no protocolo de actuación contra o coronavirus”,.

“A Xerencia está limitando mediante ordes verbais o uso de equipos de protección e obrigando a reutilizar determinados elementos dos EPIs como as máscaras FFP2 ou as batas impermeables, o que supón multiplicar o risco de contaxio”, denuncia CIG.

Porén, esta terza feira, a Xerencia “ante a situación alarmante e preocupante do aumento de número de contaxios”, mandou usar máscara cirúrxica “a todo o cadro de persoal do hospital independentemente de que vai prestar atención directa aos pacientes ou non”.

"Exposición inxustificábel"

Ante a ausencia da adopción de medidas preventivas específicas, afirma o sindicato, o cadro de persoal está sufrindo “unha exposición innecesaria e inxustificábel ao propio risco biolóxico, pero tamén unha situación de estrés emocional grave, “.

Por todo isto, a central nacionalista informa que se presentou denuncia na Inspección de Traballo “ante a falta de EPIs, a obriga de reutilizar os mesmos e a carga psicosocial que conleva ter que traballar nesas condicións".

Sergas

Desde o Sergas, a través dun comunicado, afirman que se están a aplicar “estrictamente todos os protocolos de actuación establecidos para a atención dos pacientes con sospeita de COVID-19, e para a protección de todos os traballadores, pacientes e usuarios”

Ademais, indica, estanse a tomar “todas as medidas de seguridade establecidas e de prevención de riscos laborais para minimizar os riscos derivados da atención a pacientes sospeitosos”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/denuncian-xerencia-do-hospital-da-costa-obriga-persoal-incrumpriir-protocolo-coronavirus/20200324145940093702.html


© 2020 Nós Diario