Imprimir

Sobre a delicada arte da edición

Daniel Salgado | 24 de xaneiro de 2020

As poetas Dores Tembrás (esquerda) e Antía Otero, fundadoras da editorial Apiario. Foto: Sandra Nieto.
As poetas Dores Tembrás (esquerda) e Antía Otero, fundadoras da editorial Apiario. Foto: Sandra Nieto.
Dúas poetas puxeron en marcha hai cinco anos a editorial Apiario

Cada libro é único. Precisa dunha diagramación concreta, dunha cuberta singular, dun papel diferente. A súa caixa tamén varía. E cómpre acompañalo, desde o escritorio da autora até a presentación en sociedade. Máis ou menos velaí resumida a filosofía de Apiario, a editorial promovida polas poetas Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e Antía Otero (A Estrada, 1982) que vén de celebrar o seu quinto aniversario.

Apenas 14 títulos compoñen o seu catálogo. Pero entre eles atópanse algunhas das obras máis celebradas da poesía galega recente: Celebración (2014), de Gonzalo Hermo; O deserto (2015), de María do Cebreiro; ou Lumes (2017), de Ismael Ramos. Marilar Aleixandre, Susana Sánchez Aríns, Lucía Aldao, a mesma Tembrás ou Celso Fernández Sanmartín tamén publicaron con Apiario. "En 2014 tiñamos a sensación de que faltaban espazos editoriais para a poesía e, sobre todo, atención á edición. Queriamos formatos que puxesen en valor a palabra que contiñan os libros", explica a Nós Diario Antía Otero. De aí que, nas coleccións da editorial -Cera Labrada, Pan de Abella, Niño de Abella-, cada volume presente características propias, fornecidas por deseñadores como Mauro Trastoy ou Xosé Carlos Hidalgo. "O noso anceio era concederlle toda a importancia ao texto, coidar os materiais", coincide Dores Tembrás.

Esa preocupación polo obxecto conduciu ás dúas poetas á maior aprendizaxe, entende Tembrás, deste lustro á fronte da editorial: "Soubemos do delicado que é o proceso de edición, o control que precisa. Porque se non mantés ese control, todo pode torcerse". A pé de obra, da relación coa escritora ao persoal do prelo, das artistas gráficas ás librarías, acompañan cada paso dos libros. No debe, "a cantidade de horas que invistes", considera Otero. Con ese método sucedeu o que, a primeira vista, podía parecer improbábel: unha editorial especializada en poesía, nada no máis cru da crise, sobreviviu e foi, se non medrando, si avanzando aos poucos.

"Confiabamos en que existía un público esixente para a nosa proposta totalmente independente, e atinamos", esténdese Otero, "o noso plan de empresa estaba moi medido. Agora xa somos autosuficientes". A mesura é, xustamente, outro dos trazos que distinguen Apiario, expoñen. Dous títulos por temapada, que nesta serán tres, son o ritmo de dición que se axeita ás súas capacidades, á "atención máxima que necesita un libro", segundo Tembrás. Ademais das series dedicadas á poesía, publicaron un ensaio colectivo sobre a lectura nas aulas e catro álbumes infantís, escritos por Estíbaliz Espinosa, María Lado, a propia Otero e Elvira Ribeiro e ilustrados respectivamente por Lucía Cobo, Yanina Torres, María Brenn e Noe González.

Nestes cinco anos "pasaron moitas cousas". Maiormente positivas, pero non só. "Non falaría de dificultades, pero si batemos con cuestións máis sutís", relata Tembrás. Refírese a certas actitudes machistas, aínda que as coloca en contexto: "A sociedade é como é, e o noso proxecto ten moi en conta o feminismo. E axiña o compensou todo o pulo e o alento que recibimos das lectoras. Esoutros asuntos pasaron a ser irrelevantes".

A xeito de balanzo provisional, Antía Otero fica co orgullo polo publicado: "Non editamos un só título que non amemos, polo que non sintamos veneración". E Dores Tembrás imaxina como lles prestaría publicar algún día as estadounidenses Louise Glück ou Sharon Olds.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/delicada-arte-da-edicion/20200123141810090049.html


© 2020 Nós Diario