A COVID-19 ameaza o emprego mundial

O impacto que a pandemia da COVID-19 está a ter a nivel global supera o marco da saúde. Os prognósticos económicos van desde os pesimistas aos catastróficos. A Organización Internacional do Traballo calcula perdas de até case 25 millóns de empregos.
Un hombre con mascarilla pasea por una calle de Madrid durante la crisis del coronavirus a 15 de marzo de 2020.

Un hombre con mascarilla pasea por una calle de Madrid durante la crisis del coronavirus a 15 de marzo de 2020. 


14/3/2020
photo_camera A perda de emprego repercutirá na caída do consumo de bens e servizos e levará a un maior e progresivo incremento da desigualdade (Óscar J.Barroso / Europa Press)

A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que a pandemia da pneumonía COVID-19, provocada polo novo coronavirus SARS-CoV-2, podería provocar a perda de perto de 25 millóns de postos de traballo a nivel mundial se o seu impacto no mundo acaba por ser alto.

Segundo un informe publicado onte por esta axencia das Nacións Unidas, as estimacións iniciais das consecuencias laborais da actual crise sanitaria apuntan a que a poboación mundial se verá arrastrada "ao desemprego, ao subemprego e ao traballo en pobreza". Para evitar estas situación, propón medidas que requiren dunha "resposta decisiva, coordinada e inmediata".

"Esta xa non é unicamente unha crise sanitaria global, é tamén unha grave crise económica e do mercado de traballo que está a ter un enorme impacto na xente", afirmou Guy Ryder, director xeral da OIT. 

"En 2008, o mundo fixo unha fronte común para encarreirar as consecuencias da crise financeira global, e evitouse o peor. Cómprenos ese tipo de liderado e resolución agora", engadiu.

Aquela crise financeira global, que se iniciou coa caída de Lehman Brothers, evolucionou cara a outra laboral, que aínda ten os seus ecos hoxe en día. 

As organizacións sindicais levan anos denunciando que aquela crise levou ao feche de negocios e a relocalización do tecido industrial en zonas de menores custos laborais, o que provocou o aumento do desemprego, así como a conxelación ou a diminución dos salarios reais por causa do aumento da forza de traballo excedentaria.

Tres piares básicos

O informe, titulado COVID-19 e o mundo laboral: Impactos e respostas, reclama medidas urxentes e a grande escala, alicerzadas en tres piares: protección das operarias e dos operarios no lugar de traballo, estimulación da economía e do emprego e financiamento para a conservación de empregos e de ingresos. 

Estas accións, di a OIT, débense dar no marco da cobertura social, da conservación dos postos de traballo (incluíndo redución de xornadas laborais, vacacións pagadas ou outro tipo de subsidios) e do alivio impositivo para pequenas e medianas empresas. 

Ademais, propón medidas fiscais e monetarias, así como liñas de crédito e apoio financeiro para sectores específicos da economía. O informe pode ser descargado, en inglés, na ligazón: bit.ly/3a68DCa 

Diálogo social

"En tempos de crise como a actual, temos dúas ferramentas chave que poden axudar a mitigar o dano e restaurar a confianza da cidadanía", sinalou Guy Ryder. A primeira ─explicou─ é o diálogo social que se debe dar entre empresarios e representantes sindicais, "vital" para conseguir "o apoio ás medidas que precisamos para superar esta crise". 

A segunda, o dereito internacional do traballo, que "é a base, de eficacia probada, para que as medidas de resposta que se tomen teñan en conta unha recuperación sustentábel e equitativa". 

"É necesario que todo o que se faga vaia no camiño de minimizar o dano as persoas nestes tempos difíciles", concluíu o director xeral da OIT.

Varios escenarios

A OIT manexa, non obstante, dous escenarios segundo sexa o impacto da pandemia: de ser "alto", calcula que se perderían 24,7 millóns de empregos; de ser "baixo", serían 5,3 millóns. Entre estas dúas marxes é que, calculan, nos moveremos tendo en conta unha base de 188 millóns en 2019. En comparación, a crise de 2008 aumentou a cifra de desemprego en 22 millóns.

Porén, o autoemprego ─especialmente nos países en vías de desenvolvemento─ non servirá como daquela para amortecer o impacto que se espera, debido ás restricións no movemento de bens e persoas, aclara o informe. 

Tamén calcula que as perdas económicas para as traballadoras e os traballadores serán de entre 860.000 millóns e 3,4 billóns de dólares (800.000 millóns e 3,15 billóns de euros) para finais de 2020, que "se trasladarán en caídas no consumo de bens e servizos".

Traballo en pobreza

A OIT prevé ademais que medre o traballo en pobreza. "A falta de ingresos provocada polo declive da actividade económica arrastrará as traballadoras e os traballadores cerca ou debaixo do limiar da pobreza". Segundo as súas estimacións, entre 8,8 e 35 millóns de persoas máis estarán nesta situación, en comparación coa estimación prevista para 2020 ─antes da pandemia─ dun descenso de 14 millóns. 

Ademais, a axencia das Nacións Unidas para o traballo alerta de que certos grupos se verán afectados desproporcionadamente pola crise laboral, o que levará a un incremento da desigualdade. Entre estes, a OIT cita as persoas en postos de traballo con salarios baixos con e pouca protección en dereitos laborais a nivel mundial, como a xente máis nova e a máis vella.

Tamén as mulleres e as persoas migrantes: as primeiras, porque ocupan maioritariamente os empregos onde hai peores salarios; as segundas, polas carencias na protección social e dos seus dereitos básicos a nivel laboral.

Comentarios