Raxoi non demitirá porque aínda así o PP perdería o poder, afirma Cospedal

Nunha comparecencia no Congreso, a ministra de Defensa dá por derrotado o goberno de Raxoi na moción. 

cospedal
photo_camera Cospedal

"Mariano Raxoi non vai demitir porque a aritmética parlamentar actual no permita que o PP puidese gobernar", dixo María Dolores Cospedal, co cal dá por fechados os ruxes ruxes a respeito dunha renuncia do até agora presidente do executivo español.

Ten razón Cospedal: a demisión de Raxoi -que se ausentou da cámara durante toda a sesión vespertina deste debate- obrigaria a ir a unha nova investidura. E aí o PP non ten números para obter a confianza da Cámara. Teríao moito máis doado Pedro Sánchez, que nen sequer estaría obrigado a conseguir a maioría absoluta (na censura, si). Bastaríalle con ter máis votos favorábeis do que contrarios.

Cospedal xa se situou na lóxica de que o PP vai pasar á oposición e de que o PSOE se vai facer co executivo. "Cremos que o Goberno que sae desta moción, se así se producir mañá, non responde ao interese xeral do noso país senón a intereses persoais e partidistas", dixo a ministra de Defensa. "Non sabemos en que pactos se fundamenta, cal é o programa de goberno... É un goberno que non agoira nada bon para España".

Comentarios