Imprimir

O Constitucional avala a 'Lei Mordaza', aínda en vigor

A. Mera | 19 de novembro de 2020

Más de 2.300 migrantes foron amoreados en Arguineguín, Canarias (Foto: Europa Press)
Más de 2.300 migrantes foron amoreados en Arguineguín, Canarias (Foto: Europa Press)
O Alto Tribunal español declara constitucional as 'devolucións en quente' de persoas migrantes.

O pleno do Tribunal Constitucional (TC) determinou esta quinta feira, 19 de novembro, que a Lei de Protección da Seguridade Cidadá de 2015, coñecida como a 'Lei Mordaza', é constitucional en todos os seus puntos, incluídos os que se refiren ás 'devolucións en quente' -expulsións en fronteira- de migrantes que entren por Ceuta e Melilla sen cumpriren os requirimentos que marca a lei española, ao considerar o TC que se axusta á doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH).

A sentenza, da que foi relator o presidente do TC, Juan José González Rivas, desestima a maioría das impugnacións do recurso de inconstitucionalidade presentado por 97 deputadas e deputados en 2015 -do PSOE, PNV, CiU, UPyD e IU- e que daquela estaban na oposición ao Executivo presidido por Mariano Raxoi.

O Constitucional apóiase na doutrina do TEDH pola que "o rexeitamento en fronteira é unha actuación material de carácter coactivo, que ten por finalidade restabelecer inmediatamente a legalidade transgredida polo intento por parte das persoas estranxeiras de cruzar irregularmente esa concreta fronteira terrestre", de modo que "a actuación material (será constitucional), sen prexuízo do control xudicial que proceda realizarse en virtude das accións e recursos que interpoña, en cada caso concreto, a persoa estranxeira". 

O  TC engade que "o rexeitamento ha de levarse a cabo coas garantías que ás persoas estranxeiras recoñecen as normas, acordos e tratados internacionais ratificados por España, debendo ser reais e efectivos os procedementos de entrada legal en territorio español".

A sentenza adoptouse pola maioría do pleno do Constitucional. Votaron en contra os maxistrados María Luisa Balaguer Callejón e Cándido Conde-Pumpido Tourón, aínda que só a primeira redactará un voto particular.

Gravacións non autorizadas

O que non avala o TC é o artigo que fala das gravacións "non autorizadas" ás forzas e corpos de seguridade do Estado e declara, por tanto, a inconstitucionalidade do inciso "non autorizado" do artigo 36.23 da lei, que prevé como infracción grave o uso sen visto bo de imaxes ou datos persoais de persoal das forzas e corpos de seguridade.

Vai facer un ano xa que o PSOE e Unidas Podemos acordaran substituír a 'Lei Mordaza' por un novo texto que garantise "o exercicio do dereito á liberdade de expresión e reunión". Mentres tanto, a mordaza apreta.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/constitucional-avala-lei-mordaza-ainda-vigor/20201119203929109447.html


© 2020 Nós Diario