A primeira universidade privada da Galiza, a impulsada polo banqueiro Juan Carlos Escotet e apoiada pola Xunta a pesar do receo dos sectores académicos e outros organismos e institucións, atopou hoxe cun atranco no camiño da súa consolidación. O Consello Económico e Social fixo público un informe negativo ao anteproxecto de Lei para o recoñecemento oficial da Universidade Intercontinental da Empresa.
Ante as preguntas dos medios ao respecto desta parada no proxecto privado impulsado por Abanca, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aclarou que o documento fala dunha "serie de carencias", quer administrativas, quer técnicas.
O CES manifesta as súas reservas ante o anteproxecto sobre todo por dous puntos: "non se especifican as titulacións ofertadas e proponse a impartición dun grao por un instituto universitario, cando este último debe estar destinado á I+D+i segundo a normativa estatal e galega sobre este tipo de centros".
Segundo o representante do Goberno galego, algunhas destas advertencias foran "xa fixadas" no informe que redactou no seu momento o Ministerio de Universidades.
Este paso requirido pola propia Xunta para sacar adiante a institución ve "carencias". "Entendemos que no seguinte terán que emendarse para poder seguir o proceso", concretou Rodríguez, que ve normal este trámite no proceso de creación da universidade da entidade financeira. Así, dalgunha forma, presta pouca atención á negativa e pensa que só é un paso máis a superar.
Aliás, o documento presentado á Xunta e ao Consello alude a que o "recoñecemento desta universidade permitiría ampliaría a oferta formativa na educación superior". No entanto, o informe presentado pola Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia advirte de que, coa documentación presentada, non se cumpriría este precepto marcado pola Lei.
O ditame do Consello Económico e Social inclúe dous votos particulares totalmente opostos, o primeiro deles das centrais sindicais CIG, UXT, CCOO e SLG que rexeitan a creación dunha universidade privada no país, e un segundo da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), que defende o impulso deste proxecto.