O Congreso avalía as responsabilidades políticas de Blanco e Pastor na traxedia do Alvia

24 de xullo de 2013. A maior catástrofe terrestre da historia moderna da Galiza. 80 mortos e 144 feridos ao descarrilar un tren Alvia na curva de A Grandeira, na entrada de Compostela. As responsabilidades políticas continúan sen se depurar. Esta segunda feira comparecen perante a comisión de investigación as dúas persoas ao mando de Fomento involucradas no asunto,

Ás 16 horas será a quenda do socialista José Blanco, ministro de Fomento cando se inaugurou a liña en que se produciu o sinistro e actualmente eurodeputado. Unha hora despois tomará a palabra Ana Pastor, sucesora do política de Palas de Rei ao fronte do ministerio e actual presidenta do Congreso.

Son as últimas comparecencias na comisión e desde logo as de maior relevancia política. Após os seus testemuños, este órgano da cámara terá que estabelecer as súas conclusións.

Que pesa en concreto sobre eles? 

Sobre Blanco unha decisión que os expertos concordan en sinalar que debilitou as condicións de seguranza no tramo en que tivo lugar o sinistro: a mudanza do proxecto orixinal para manter o ancho de vía ibérico e non o internacional que si rexe no resto das liñas AVE. O ministro do PSOE, aliás, vendeu a liña Ourense-Compostela como se fose alta velocidade, cando non era así en aspectos básicos para preservar a integridade dos equipamentos e para evitar riscos ás persoas. Nese sentido foi clave que non se contemplase a instalación do sistema de control de velocidades ERTMS nos últimos quilómetros da vía, xusto onde se produciu o descarrilamento.

Canto a Pastor, o cargo básico que se lle fai é que, xa con ela ao fronte de Fomento, tomouse a decisión de desconectar o sistema de control da velocidade a bordo do tren por supostamente dar continuos erros. Ao desafacerse del sen alternativa os expertos pensan que se puxo en risco a seguridade.

Comentarios