Unha conferencia europea para tratar as problemáticas da pesca galega decorrerá en Galiza no vindeiro mandato da Unión Europea, segundo anunciou Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia e candidato por esa formación á eurocámara, dentro da coalición CEUS, xunto ao PNV e Coalición Canaria.
Desde Expomar, feira do sector marítimo-pesqueiro que se celebra estes días en Burela, Piñeiro Docampo anunciou a celebración da conferencia europea de pesca “ao máximo nivel” na que participarán deputadas e deputados de diversos países do Partido Demócrata Europeo (do que forman parte PNV e Coalición Canaria) e de ALDE, o eurogrupo dos partidos liberais. Nese sentido indicou que tanto PDE como ALDE “serán forzas clave na gobernabilidade en Bruxelas e estarán na nosa terra da man de Compromiso por Galicia”
Piñeiro salientou que Galiza é unha referencia mundial en pesca e acuicultura
Durante a visita a Expomar, Piñeiro salientou que Galiza é unha referencia mundial en pesca e acuicultura e precisa que os socios europeos coñezan o sector para tomar posicións relativas o Brexit e á política pesqueira común.
Compromiso por Galicia traballa en colaboración co PDE para que o encontro internacional de pesca se celebre no segundo semestre de 2019
Nese marco, Compromiso por Galicia traballa en colaboración co Partido Demócrata Europeo e o Instituto Demócrata Europeo para que o encontro internacional de pesca se celebre durante o segundo semestre de 2019. Virán a Galiza, segundo indicou Piñeiro, representantes de países como Portugal, Eslovenia, Francia, Bélxica, Alemaña, así como membros do PNV e Coalición Canaria, integrantes xunto a Compromiso por Galicia da coalición CEUS para as eleccións europeas.
O obxectivo do encontro é falar directamente co sector da pesca en Galiza e así poder influír nas decisións europeas. “É prioritario que o sector pesqueiro e acuícola galego estea presente na toma decisións, para o seu propio beneficio”, advertiu Piñeiro Docampo.