Carla Folgar, xornalista: "A Corea do Sur cáusalle admiración o Camiño de Santiago"

Carla Folgar, xornalista e fotógrafa (Carla Folgar)
photo_camera Carla Folgar, xornalista e fotógrafa (Carla Folgar)

A música contemporánea de Corea do Sur está entre nós. A xornalista e fotógrafa Carla Folgar pasou de seguir as series de televisión xaponesas en Lugo a crear a web 'Ba na na', un proxecto de estudos que agora mesmo é a canle máis visitada polas persoas apaixoadas polo K-Pop. Colaborou en varias producións coreanas por todo o Estado español e agora traballa no proxecto O Garaxe de Sarria, un espazo creativo multidisciplinar. Recoñece que un dos seus obxectivos a curto prazo é servir de ponte entre Galiza e ese país asiático.

Xornalismo, fotografía, márketing dixital... Como foi o seu proceso de formación profesional? 

Cando rematei os estudos en Lugo decidín seguir coa fotografía artística e pasei pola Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón. Logo de dous anos pensei en seguir unha carreira universitaria e a que máis me tiraba era xornalismo. Marchei a Madrid e remateina. Logo virían os máster en Comunicación Audiovisual para a Era Audiovisual e Márketing Dixital. Foi nese intre cando tomei a decisión de especializarme en Corea do Sur.

Como chega a interesarse por unha cultura como a de Corea do Sur?

Desde pequena sempre tiven inquedanzas por todo o mundo asiático. Gustábanme desde a música até as series de animación xaponesas. Foi na universidade cando comecei a escoitar máis música de Xapón e tamén da China. Foi sinxelo tirar do fío e chegar así até Corea do Sur. Esta última centrou a miña atención por ser a que máis avanzaba na súa introdución no Estado español. Xunto a unha compañeira de estudos decidín crear un blogue especializado nesa cultura que hoxe ten centos de seguidoras e seguidores.

Que descobren en 'Ba na na'?

Nós falamos sobre todo de música. Falamos de como é a música de Corea do Sur enfocado na súa maior parte no Pop. O K-Pop tivo unha introdución en Europa a unha velocidade moi grande. A nivel estatal fixéronse concertos con moita asistencia en grandes recintos. Aínda que está moi lonxe xeograficamente esa música ten un gran recoñecemento na actualidade.

Que relacións hai entre Corea do Sur e a Galiza?

Moitas produtoras de cine e televisión coreanas xa rodaron na Galiza, hai moito interese. Encántalles a nosa paisaxe e parte dela sae en series e películas coreanas. O camiño de Santiago tamén lles causa admiración. Outro punto en común é a música folk. Algúns grupos pasaron por festivais galegos. A música tradicional coreana ten as súas semellanzas coa galega. Hai unha gran ligazón entre ambas as culturas. Un dos meus obxectivos é facer algo entre para achegalas. Hai moito público interesado.

Agora traballa no Garaxe, un novo proxecto en Sarria. Como definiría este espazo? 

Nin en Sarria nin en Lugo había un espazo que puidese albergar varios proxectos a un tempo. O Garaxe conta cun estudo de fotografía, unha aula para obradoiros e outro de gran tamaño para realizar mercados ou grandes eventos. É perfecto agora que se precisan espazos con estas características. 

Que papel xogan no rural?

Propostas culturais é algo que todas necesitamos. Agora mesmo hai unha exposición de arte. Anima moita xente a vir. Mesmo a iniciar proxectos creativos novos.

Pensa que facilitaría que se estabelezan novos proxectos que doutra maneira terían que buscar oportunidades fóra?

Trae moitas oportunidades para esta zona. Nas aulas impartimos un curso de drons e outros de impresión 3-D, materias coas que antes necesitabas desprazarte a unha cidade para telas. Ogallá tivese eu de pequena algo semellante! Agora mesmo estamos pensando en obradoiros para que os comercios accedan ás redes sociais. Non deixamos de lado actividades máis lúdicas como as manualidades e en agosto teremos un obradoiro de macramé.

Comentarios